Situm participa nos proxectos LEDITIA e XESTA a través do programa Nexos

luns, 1 de xuño do 2026 S. P.

A empresa compostelá Situm, que dá nome á innovadora plataforma galega de localización e navegación en interiores (Situm), compartiu con nós detalles de dous proxectos altamente innovadores nos que participa xunto con outras empresas galegas e que foron presentados a semana pasada en cadanseu acto celebrado online.
Estamos a falar de LEDITIA e XESTA, enmarcados no programa Nexos financiado pola axencia autonómica GAIN para impulsar proxectos colaborativos de I+D+i orientados ao desenvolvemento de solucións innovadoras en sectores estratéxicos.
Neste marco, Situm participa nos proxectos LEDITIA e XESTA, dúas iniciativas centradas en abordar desafíos clave nos ámbitos loxístico e industrial mediante o uso de tecnoloxías avanzadas. Ambos os proxectos teñen unha duración de tres anos e están orientados a mellorar a eficiencia operativa, a xestión da información e a toma de decisións en contornas complexas.
Unha resposta aos desafíos actuais
Situm explica que as contornas loxísticas e industriais presentan unha crecente complexidade operativa, onde a xestión eficiente da información, a coordinación de equipos e a capacidade de resposta ante incidencias son factores básicos para garantir o correcto funcionamento das operacións. Con todo, sinala a empresa de Santiago, “moitos destes procesos seguen dependendo de sistemas fragmentados, con baixa interoperabilidade e limitada capacidade de adaptación en tempo real”.
Neste contexto, os proxectos desenvolvidos no marco de Nexos nacen para dar resposta a estes desafíos mediante solucións dixitais que permitan integrar información, optimizar procesos e mellorar a visibilidade operativa. O obxectivo, sinala Situm, “é avanzar cara a modelos de xestión máis eficientes, conectados e baseados en datos, capaces de adaptarse a contornas dinámicas e en constante evolución”.
LEDITIA: xemelgo dixital para terminal portuarias loxísticas
O proxecto LEDITIA ten como obxectivo o desenvolvemento dun xemelgo dixital dunha terminal portuaria loxística, que permitirá replicar de forma virtual o comportamento da infraestrutura para mellorar a monitoraxe, a simulación e a optimización das operacións. “Este enfoque facilitará unha mellor comprensión do funcionamento da contorna e permitirá anticipar escenarios, optimizar recursos e mellorar a toma de decisións”, explica Situm.
No proxecto participan Kaleido, Cinfo e SREC, que traballarán conxuntamente no desenvolvemento de capacidades dixitais avanzadas aplicadas á contorna portuaria. A través de LEDITIA, búscase mellorar a eficiencia operativa, a xestión de fluxos e a coordinación de procesos en infraestruturas loxísticas complexas.
XESTA: sistema intelixente de xestión de incidencias e alertas
Pola súa banda, o proxecto XESTA está orientado ao desenvolvemento dun sistema intelixente de xestión de incidencias e alertas que permita optimizar o traballo en contornas industriais mediante unhas mellores detección, priorización e xestión de eventos operativos. “O sistema estará deseñado para facilitar a toma de decisións en tempo real e mellorar a coordinación entre equipos”, explica o equipo de empresas formado por Deicom, Situm e Quobis.
XESTA conta ademais coa participación dos usuarios finais Dativic e Insuiña, o que permitirá validar as solucións desenvolvidas en contornas reais.
A través de XESTA, búscase mellorar a eficiencia operativa, reducir tempos de resposta e facilitar unha xestión máis estruturada e baseada en datos das incidencias.
Unha solución con impacto en múltiples contornas
Os desenvolvementos impulsados no marco de Nexos están concibidos para aplicarse en distintas contornas industriais e loxísticos, desde terminal portuarias ata instalacións produtivas, contribuíndo a mellorar procesos operativos, optimizar recursos e facilitar a xestión de infraestruturas complexas. Este enfoque permite maximizar o impacto das solucións desenvolvidas e a súa aplicabilidade en diferentes sectores.
Estes proxectos parten de capacidades tecnolóxicas xa existentes e teñen como obxectivo avanzar cara a solucións de aplicación en contornas reais, validando o seu funcionamento e o seu impacto en condicións operativas. Ao longo do seu desenvolvemento, traballarase na evolución destas tecnoloxías cara a produtos con potencial de mercado, asegurando a súa escalabilidade, integración e adopción.