Sonic Rumble verá a luz en maio

martes, 8 de abril do 2025 Marcus Fernández

O ano pasado Sega anunciou a súa intención de replicar a proposta de éxito do xogo Fall Guys con Sonic Rumble, un xogo free-to-play para Android, iOS e PC, que permitirá xuntar até 32 xogadores por partida en carreiras frenéticas en escenarios cambiantes, do que por fin sabemos a data de lanzamento.
Será o día 8 de maio cando Sonic Rumble celebrará o seu lanzamento mundial, aínda que os usuarios de iOS e Android xa poden pre-rexistrarse para ser os primeiros en gozar deste título que tamén poderemos conseguir para PC a través de Steam.
O xogo ofrecerá unha ampla variedade de fases con distintos temas e xeitos de xogar, como pode ser un modo carreira (no que os xogadores compiten polo primeiro posto), modo supervivencia (no que deben evitar que os expulsen) ou batalla de aneis (no que o obxectivo é recoller o meirande número de aneis). En todos os casos tratarse de partidas rápidas, buscando así que calquera poida xogar cando teña algo de tempo libre.
O atractivo deste xogo é a presenza dos personaxes dos xogos de Sonic, que poderán personalizarse con distintos atavíos, e tamén se fará notar a ambientación musical, con temas que resultarán familiares para os seareiros do ourizo azul.

Vídeo no que se anuncia a data de lanzamento de Sonic Rumble