Sony anuncia o seu servizo de xogo na nube para EE.UU.

martes, 7 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Andrew House foi o encargado de anunciar as boas vendas globais da PS4

Pouco lle durou a Microsoft a alegría por ter superado os 3 millóns de Xbox One vendidas, xa que a súa principal competidora, Sony, deu conta con poucas horas de diferencia que a súa PlayStation 4 logrou colocar globalmente máis de 4,2 millóns de unidades, colocándose en cabeza nesta competición que parece que vai deixar en breve fóra de xogo á Wii U, que en máis dun ano apenas superou os 5 millóns de unidades vendidas en todo o mundo.

PlayStation Now levará os xogos de PS3 a múltiples dispositivos

Pero Sony non está só a presumir de boas vendas, senón que tamén está a presentar novos servizos co gallo do CES de Las Vegas, como PlayStation Now, o novo servizo de xogos por streaming da compañía nipoa que chegará ás EE.UU. o vindeiro verán e que permitirá gozar dun catálogo de grandes éxitos e clásicos de PlayStation 3 tanto en PS4 como en PS3, para saltar máis adiante á PS Vita. De feito, esta plataforma de xogo baixo demanda non se limitará ás consolas, senón que tamén será compatible con televisores Sony BRAVIA que venderán ao longo do presente ano, podendo espallarse tamén a outros produtos de Sony (como tablets e smartphones). Polo momento descoñécese cando chegará o servizo a Europa, dando a impresión de que será máis tarde que cedo se atendemos ás declaracións dos representantes europeos de Sony.
PlayStation Now busca facilitar o xogo instantáneo en múltiples dispositivos (algo ao que estamos afeitos coa televisión, a música ou as películas), permitindo que sempre se empregue a versión máis actualizada dos xogos, que estarían almacenados na nube, de xeito que non só estarían accesibles en distintos lugares, senón que tamén poderán trasladarse os nosos progresos coa nosa conta de usuario.
Esta solución permitirá o aluguer de xogos específicos, aínda que Sony tamén contempla a posibilidade de subscribirse para explorar unha ampla selección de títulos. PS Now iniciará as súas probas en EE.UU. a finais deste mesmo mes.