Sony impide a comercialización de carcasas de PS5 personalizadas

luns, 2 de novembro do 2020 Marcus Fernández

A presentación do deseño da PlayStation 5 foi recibida de xeito desigual, con moitos consumidores considerando que a nova máquina de Sony era demasiado rechamante, e considerando que resultaría máis atinado que o seu deseño chegase en cor negra, de aí que non sorprendese que xurdisen empresas para facilitar a personalización das futuras consolas como Customize My Plates, compañía que puxo á venda carcasas para a futura PlayStation 5 en distintas cores, chegando a recibir centos de pedidos.
Pero esta situación non gustou a Sony, que primeiro forzou ao cambio de nome da compañía (antes coñecida como The Plate Station, o que sería unha violación de marca rexistrada) e logo co propio produto en si, que consideran que viola as patentes e a propiedade intelectual de Sony, o que levou a que tivesen que cancelar todos os seus pedidos e retirar as carcasas personalizadas para limitarse a comercializar vinilos adhesivos para personalizar consolas, o que claramente é moito menos atractivo que a substitución da carcasa en si.
Deste xeito frústrase un negocio que limita en boa medida a liberdade dos usuarios, aínda que dá a entender que empresas pouco lexítimas poidan replicar o negocio a través de certas plataformas de comercio electrónico habituadas á distribución de material pirata.
Cómpre salientar que a reacción de Sony está máis que xustificada, xa que o lanzamento de edicións de distintas cores e edicións limitadas temáticas das consolas é moi habitual e dinamiza a venda de máquinas, polo que a entrada de terceiros erosionaría o negocio da compañía nipoa.

The Plate Station (agora Customize My Plates) quería ofrecer a posibilidade de que os consumidores puidesen ter unha PS5 de cores diferente á cor branca orixinal

PUBLICIDADE