Sony non estará presente no E3 deste ano

luns, 13 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

A existencia das grandes feiras tecnolóxicas leva moitos anos en cuestión, xa que a axilidade e universalidade da Internet fai que non sexan necesarias, e un dos sectores nos que as compañías nas que é máis visible iso é o dos videoxogos, coas grandes compañías realizando eventos independentes ou retransmisións de vídeo para a realización de anuncios importantes sen ter que agardar ás grandes citas tradicionais. Esta crise visibilizouse moi ben o ano pasado, coa ausencia de Sony da feira E3 de Los Angeles, xa que a compañía nipoa entendeu que non tiña sentido realizar o grande investimento de participar nunha feira para non amosar grandes novidades, xa que xa tiña todas as cartas sobre a mesa neste período de transición entre xeracións de consolas de videoxogos.
Aínda que Sony anunciou inicialmente que a súa ausencia do E3 era algo puntual, agora confirman que tampouco estarán presentes na edición de 2020, ao que dende a organización do evento responderon dun xeito bastante aséptico asegurando que que o E3 é unha grande oportunidade para conectar cos seareiros dos videoxogos de todo o mundo.
Dende Sony aseguran respectar á organización da feira E3, pero recoñecen que non encaixa no seu calendario de comunicación deste ano, no que van presentar a PlayStation 5, consola que verá a luz na campaña de Nadal, e que moi posiblemente presentarase por todo o grande en febreiro.
O lanzamento dunha nova xeración de consolas é algo complexo, pois tampouco pode abandonarse á xeración anterior de consolas, e centrarse nunha grande feira podería non resultar óptimo, de xeito que distribuír os anuncios e as presentacións ao longo dos vindeiros meses tería máis sentido que ter que competir pola atención dos medios. Non podemos esquecer que Microsoft tamén estrea nova xeración de consolas este ano, polo que as comparacións entre ambas compañías podería restarlles protagonismo.
Que Sony falte 2 anos seguidos, e que Nintendo leve bastante tempo optando polas súas propias canles de comunicación para realizar os seus anuncios importantes, dá a entender que o E3 xa non ten o peso que acadara no pasado, e principalmente conta co apoio de Microsoft, xogador local, que tamén organiza os seus propios eventos en distintos lugares do mundo, o que podería lerse como o ocaso das grandes feiras de videoxogos presenciais que, sen chegar a desaparecer, xa non son as que marcan o calendario do sector.

PUBLICIDADE