Sony venderá carcasas de cores para a PS5

luns, 13 de decembro do 2021 Marcus Fernández

O deseño da PlayStation 5 non é do agrado de todos, de aí que varias compañías ousasen a comercializar carcasas non oficiais para mudar a súa estética, enfrontándose directamente con Sony incluso nos tribunais, pero por fin a compañía nipoa atende a razóns e, en contraste con xeracións anteriores nas que era habitual que cada pouco tempo lanzasen un modelo de consola de diferente cor, finalmente porán á venda cubertas de distintas cores.
As novas cubertas están dispoñibles para a PlayStation 5 con ou sen unidade óptica, e instálanse retirando a cuberta branca da PS5 e encaixando a nova, que inicialmente chega en 5 cores distintas: en xaneiro poranse á venda as carcasas en cor negra e vermella, e ao longo do primeiro semestre de 2022 chegarán ao mercado tamén carcasas en rosa, púrpura e azul.
Para casar coas cores das novas carcasas, Sony tamén pon á venda novos modelos dos mandos sen fíos DualSense nas novas cores rosa, azul e púrpura, que porán á venda a partir de xaneiro.

Poderemos mercar mandos DualSense a xogo coas diferentes carcasas de PS5

PUBLICIDADE