dBrand quere vender carcasas negras para a PS5

venres, 12 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

O deseño da PlayStation 5 non deixou a ninguén indiferente, e non só a súa liña resultaba moi agresiva, senón que non son poucos os que non son nada partidarios do feito de que a consola de Sony só estea dispoñible en cor branca, con algúns elementos en negro, de aí que xurdise unha iniciativa dunha empresa que ofrecía carcasas de PS5 personalizadas, que non chegou a vender ningunha unidade tras recibir unha reclamación por parte de Sony.
Pero ante este mar revolto hai empresas que non se botan atrás, e dBrand, compañía especializada na personalización de smartphones e tabletas mediante fundas, protectores e adhesivos atrévese a presentar os seus Darkplates, carcasas en cor negra mate para a PlayStation 5 que pretenden vender a 49 dólares (ou 60,95 dólares cun adhesivo para a parte central da consola) a partir do mes de maio, asegurando que son un produto totalmente legal, para o que fixeron cousas como que a textura interior das carcasas presenta uns deseños que poden lembrar ás formas botóns clásicos de PlayStation (á vez que son totalmente distintos).
Haberá que ver o que acontece con este produto, porque non semella que Sony vaia permanecer estática ante o que considera unha violación da súa propiedade industrial, xa que facer copias de carcasas en cores diferentes dista moito de facer adhesivos para mudar de cor as carcasas orixinais.

Vídeo promocional das Darkplates de dBrand

PUBLICIDADE