Suspenden o acceso de Huawei aos servizos e aplicacións de Google

luns, 20 de maio do 2019 Marcus Fernández

A semana pasada a Casa Branca considerou que a posición de Huawei como provedor tecnolóxico para o futuro 5G era materia de emerxencia nacional, e promulgou unha orde executiva para prohibir ás empresas estadounidenses o relacionarse comercialmente coa compañía chinesa e, aínda que polo momento non se coñecen as consecuencias reais desta medida enmarcada na guerra comercial entre China e EE.UU., podemos lembrar que cando a ZTE aconteceulle algo semellante a empresa tivo que destituír ao seu cadro directivo e facer fronte a unha sanción duns 1.000 millóns de dólares.
Dende Reuters aseguran que Alphabet Inc, compañía matriz de Google, decidiu suspender algúns dos seus negocios con Huawei tras o veto da Casa Branca, o que afectaría a transferencias de hardware, software e servizo técnico, coa excepción do que estea dispoñible baixo licenzas abertas, ou sexa, que Huawei podería manter o acceso á versión libre de Android (AOSP), pero non á que está ligada ao software e servizos de Google (o que faría que os dispositivos de Huawei perdesen o seu atractivo nos mercados occidentais). Cómpre lembrar que os smartphones distribuídos en China xa carecen do software de Google e veñen configurados con aplicacións e servizos propios do seu territorio (xa que a meirande parte dos servizos e aplicacións de Google están prohibidos en China).
Dende Google aínda están a analizar a situación, pero polo momento entenden que os actuais usuarios de smartphones de Huawei non se verían afectados, mantendo o acceso ás aplicacións de Google e podendo continuar a gozar de actualizacións, pero de cara a futuros dispositivos estamos ante unha grande incógnita, xa que Huawei perderá o acceso ás actualizacións de Android e a servizos como a tenda de Google Play e as aplicacións de Gmail e YouTube.
Queda por dilucidar tamén se Huawei en Europa podería librarse do veto nos EE.UU., pois podería existir a posibilidade de que Huawei manteña as licenzas coas filiais europeas de Google.
Realmente as intencións da Casa Branca non son as de frear a Huawei no mercado de consumo, senón que o que procuran é que o fabricante chinés non sexa un grande provedor de tecnoloxías de Rede que facilite que nun futuro o Goberno chinés poida aproveitar a presenza dunha das súas compañías na meirande parte das infraestruturas globais de telecomunicacións para labores de espionaxe, pero evitar esta situación cun veto a manter relacións comerciais con empresas estadounidenses pode ser demasiado radical, xa que podería levar a que Huawei tivese que cesar as súas operacións, xa que non só perderían o acceso a Android, senón tamén a procesadores de fabricantes estadounidenses como Intel, Qualcomm, Xilinx e Broadcom, que son peza chave en boa parte do hardware de practicamente calquera fabricante de dispositivos de telecomunicación.

ACTUALIZACIÓN: Dende Bloomberg confirman que Qualcomm, Intel e Broadcom veñen de suspender o envío de subministros a Huawei, mentres que Nikkei asegura que tamén fixeron o mesmo a xermana Infineon Technologies e as estadounidenses Micron Technology e Western Digital. Aseguran Huawei foi previsora e conta con subministros para manter as súas actividades uns tres meses, polo que haberá que agardar para saber como se desenvolve esta problemática situación.

PUBLICIDADE