ZTE pagará mil millóns de dólares para poder manter a súa actividade

venres, 8 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Tras cesar as súas principais operacións ante as sancións do Goberno dos EE.UU., o fabricante chinés ZTE iniciou unha campaña de presión que chegou a conseguir o apoio do presidente Trump, de aí que agora non sorprenda que chegasen a un acordo no que mudan 7 anos de sanción por unha multa duns mil millóns de dólares, segundo comentou á CNBC o secretario de Comercio Wilbur Ross.
ZTE tería pechado un acordo coas autoridades estadounidenses no que recollen unha fianza de 400 millóns de dólares ante posibles violacións futuras dos regulamentos de comercio dos EE.UU. e tamén comprométense a mudar o seu cadro de dirección, deixando fóra aos responsables da toma de decisión das actividades prohibidas polos acordos comerciais dos EE.UU. (que impedían facer negocios con países como Irán e Corea do Norte).
Ross asegura que estamos ante «o meirande e máis estrito acordo» que teñen pechado dende o Departamento de Comercio contra unha violación dos controis de exportación, co que buscan non só castigar a ZTE, senón tamén disuadir a outras compañías de cometer infraccións no futuro.
Lembremos que as sancións establecidas polos EE.UU. sobre ZTE facían totalmente inviable a empresa no mercado da telefonía móbil, xa que impedíalles dende a adquisición de procesadores de Qualcomm até o uso do sistema operativo Android, deixándoos nunha posición na que resultaríalles imposible operar (especialmente fóra das fronteiras de China). Temos así un claro exemplo do excesivo poder que teñen as autoridades norteamericanas nun sector estratéxico como é o das comunicacións móbiles.

PUBLICIDADE