TP-Link presenta unha nova solución doméstica de Wi-Fi mesh
martes, 2 de abril do 2019
As solucións de conectividade Wi-Fi mesh resultan moi axeitadas para fogares de grande tamaño nos que os
routers sen fíos tradicionais non son
capaces de subministrar unha boa cobertura, e aínda que os dispositivos que
permiten establecer estas redes de tipo malla son bastante caros (de aí que Vodafone
estea a ofrecelos a xeito de servizo de pagamento mensual), pouco a pouco
fanse máis asumibles, e TP-Link está a presentar a súa
solución Deco M4 de dobre banda e 3 unidades a un prezo bastante axustado,
que nos EE.UU. sería de 179,99 dólares e que en
España podemos atopar a 199,90 euros.
Esta solución de TP-Link vai dirixida a eliminar as zonas de sombra en fogares de
até 370 metros cadrados, pode configurarse a través dunha aplicación móbil e
asegura ser capaz de dar conectividade até a un cento de dispositivos. Establece
conexións de 300 Mbps na banda dos 2,4 GHz e de 867 Mbps na banda dos 5 GHz, contando
cun largo de banda total de 1.200 Mbps.
Dado que estamos ante unha solución doméstica, tamén conta con funcionalidades
como sistemas de control parental (permitindo establecer límites ás conexións,
como bloquear o acceso a certas páxinas web ou o tempo máximo que pode pasar na
Rede cada membro da familia) e incluso é compatible co asistente de Amazon
(Alexa) para o seu control por voz e co sistema de automatización IFTTT.
Coas
redes Wi-Fi de tipo malla sitúanse distintas unidades repartidas polo fogar dun
xeito semellante ao funcionamento de repetidores tradicionais, pero con certa intelixencia, xa que as unidades
comunícanse entre si, para achegar sempre a mellor conexión posible aos
dispositivos en liña.