Tencent inxecta 1.160 millóns de euros en Ubisoft

xoves, 27 de marzo do 2025 Marcus Fernández

Nun momento no que Ubisoft semella que podería estar a ver a luz ao final do túnel, tras varios lanzamentos fracasados, a compañía francesa anuncia que vai dar un salto importante para paliar a súa situación actual creando unha filial dedicada as súas marcas Assassin’s Creed, Far Cry e Tom Clancy’s Rainbow Six en colaboración con Tencent, grupo chinés que investirá 1.160 millóns de euros por unha participación aproximada do 25% na nova filial.
Esta nova entidade centrarase na construción de ecosistemas de xogos deseñados para ser verdadeiramente sustentables e multiplataforma. Co respaldo dun maior investimento e unha maior capacidade creativa, impulsará o incremento da calidade das experiencias narrativas para un xogador, expandirá a oferta multixogador cunha maior frecuencia de lanzamento de contidos, introducirá puntos de acceso free-to-play e integrará máis funcionalidades sociais.
Esta operación valora a entidade en aproximadamente 4.000 millóns de euros, supón o establecemento dunha estratexia por parte de Ubisoft centrada en potenciar o desenvolvemento das súas franquías máis icónicas, e está suxeita a condicións que garanten a estabilidade de Ubisoft durante os vindeiros dous anos.