Threads supera os 100 millóns de usuarios en menos de 5 días
luns, 10 de xullo do 2023
O pulo
de Threads non cesa, pese a non estar aínda dispoñible en Europa, e esta aplicación
que supón a principal ameaza para Twitter dende que Elon Musk se fixo coa
plataforma, a menos de 5 días do seu lanzamento conseguiu superar a barreira
dos 100 millóns de altas e incluso está a afectar
drasticamente á actividade en Twitter, que segundo datos de Cloudflare estaría a
agudizar a súa caída.
O que si deixa claro o crecemento meteórico de Threads é que na actualidade é moi
doado atraer a unha grande masa de usuarios en moi pouco tempo, como acontecera
con ChatGPT (que chegara
aos 100 millóns de usuarios activos a 2 meses da súa apertura ao público) e
TikTok (que tardara 9 meses en superar tal barreira simbólica).
O máis interesante do lanzamento de Threads é que, pese a que a aplicación
aínda presenta moitas carencias, está a ter unha actividade moi alta por parte
dos seus usuarios, no que semella unha clara resposta aos problemas que Twitter
experimenta dende a súa adquisición por parte de Musk.
Moitos usuarios están a esforzarse para conseguir que Threads sea o seu novo
espazo para o tipo de comunicación que realizaban en Twitter, e incluso dá a
impresión de que os responsables de Instagram están a conseguir un dos seus
obxectivos: atraer as conversas positivas e librarse polo momento da toxicidade
que impera actualmente en Twitter (en boa medida por mor de medidas adoptadas
por Musk como reducir os recursos á moderación de contidos e devolver o acceso
aos usuarios que foran expulsados por incumprir as normas do servizo de xeito
reiterado).
En novembro estimábase que Twitter tiña uns 260 millóns de usuarios activos ao
día, e aínda que caese bastante nos últimos meses, semella que aínda falta bastante
para que Threads poida eclipsar a esta plataforma, sendo bastante probable que poidan
coexistir, aínda que con tons e usos bastante diferentes.
- A caída de uso de Twitter nos últimos días parece terse agravado