VermisLAB activa dende Santiago un espazo de ocio alternativo e creación tecnolóxica: o CLUB_E

xoves, 4 de novembro do 2021 S. P.

O equipo do proxecto compostelán VermisLAB, responsábel tamén da Maker Faire Galicia (con toda probabilidade unha das feiras de tecnoloxías abertas, creativas e participativas máis importantes do mundo) ou o Roteiro Maker, vén de lanzar unha nova iniciativa para achegarnos un espazo de “lecer alternativo e creación interdisciplinar arredor das tecnoloxías”, poñendo o foco nas ferramentas que meirande potencial poñen en xogo para impulsar o talento da rapazada. Trátase do CLUB_E, un proxecto dirixido aos seareiros das tecnoloxías a partir de 14 anos e sen límite de idade.
O CLUB_E é fillo do seu tempo, e así o fai saber o equipo de VermisLAB: “O proxecto sae á luz agora porque no contexto actual,son máis necesarios que nunca espazos de encontro que axuden a mozos e mozas a relacionarse a través de intereses compartidos, dun xeito san, seguro e que aporte valor”.
Tecnoloxías como a Intelixencia Artificial, os videoxogos, a neurotecnoloxía, a robótica ou a ciberseguridade serán algunhas das ferramentas coas que os/as participantes poderán desenvolver proxectos que buscan unha aprendizaxe activa, divertida e con impacto social.
De xeito complementario, o equipo de VermisLAB lembra que ao longo deste ano foi quen de pechar diversas colaboracións que dotarán de contidos vangardistas ó CLUB_E, coma o acordo con Saturdays AI, nas súas palabras “unha das comunidades en Intelixencia Artificial máis destacadas a nivel global”, para ter un chapter permanente en Compostela.
Aínda que o proxecto comezará a estar activo en xaneiro de 2022, os interesados poden inscribirse como socios. O CLUB_E levarase a cabo os sábados de 10 a 14 e de 16 a 20h no local de VermisLAB da Rúa do Tambre, en Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE