Vigo e A Coruña estrearán rede comercial 5G o sábado

luns, 10 de xuño do 2019 Marcus Fernández

Vodafone España anunciou que a súa rede comercial de 5G botará a andar en 15 cidades españolas, entre as que figuran Vigo e A Coruña, o vindeiro día 15, o que supón a estrea deste tipo de tecnoloxía móbil en España. Deste xeito o vindeiro sábado máis do 60% da poboación das dúas cidades galegas terá cobertura de nodos 5G e, de contaren con móbiles compatibles, poderán gozar de velocidades de descarga de até 1 Gbps que para finais de ano chegarían até os 2 Gbps nos plans de prezo máis elevado, o que suporía chegar a multiplicar por 10 as velocidades actuais da rede 4G.
Dado que as Tarifas Ilimitadas de Vodafone incluirán o acceso á rede 5G, temos así unha grande xustificación para a súa contratación, xa que ao conseguir velocidades de descarga moi elevadas resulta especialmente doado superar os volumes de descarga incluídos nas tarifas que actualmente consideramos máis que suficientes. O 5G estará incluído en todas as tarifas móbiles de Vodafone estreadas no mes de abril.
A tecnoloxía 5G non só promete mellorar as velocidades de descarga, senón tamén reducir as latencias a menos de 5 milisegundos en condicións ideais e poder multiplicar por 100 o número de obxectos conectados, ou sexa, que será unha peza chave para o espallamento da Internet das Cousas, contribuíndo ao desenvolvemento das Smart Cities e dos vehículos autónomos.
Vodafone ofrecerá aos seus clientes a posibilidade de adquirir distintos terminais móbiles 5G con pagamento aprazado, sendo os primeiros smartphones en comercializar o Samsung Galaxy S10 5G, o LG V50 ThinQ 5G e o Mi MIX 3 5G (de Xiaomi).

A tecnoloxía 5G ofrece distintas vantaxes que van máis aló das melloras de velocidade
Vodafone permite adquirir distintos móbiles 5G con pagamento aprazado

PUBLICIDADE