Vodafone anuncia novas tarifas con datos móbiles ilimitados

mércores, 10 de abril do 2019 Marcus Fernández

Vodafone presentou esta mañá unha proposta de tarifas móbiles e converxentes que entrarán en vigor o vindeiro día 14 e que revolucionarán o sector das telecomunicacións en España ao ofrecer datos e voz sen límites, buscando así atender ás demandas dos usuarios, que queren poder facer uso da conectividade do seu smartphone sen preocupación polos límites de tráfico fixados na súa tarifa.
O director xeral da Unidade de Negocio de Particulares de Vodafone España, Andrés Vicente, foi o encargado de dar a coñecer as novas tarifas por entender que «este é o momento axeitado para introducir os plans de prezos ilimitados no mercado español: os clientes utilizan cada vez máis aplicacións intensivas en datos, a evolución da tecnoloxía móbil está a acelerar o proceso e en Vodafone contamos coa mellor rede móbil para facelo posible».


A nova oferta inclúe tres tarifas móbiles de datos e voz que, do mesmo xeito ao que acontece nas conexións de banda larga fixa, diferéncianse na súa velocidade de acceso. Deste xeito teremos unha tarifa Ilimitada por 40,99 euros/mes con conexións a 2 Mbps (e 16 GB/mes en itinerancia), unha tarifa Ilimitada Súper por 45,99 euros/mes con conexións a 10 Mbps (e 17 GB/mes en itinerancia) e unha tarifa Ilimitada Total por 49,99 euros/mes con conexións á máxima velocidade que achegue o 4G (e 19 GB/mes en itinerancia). Tamén manterán plans con 3 e 6 GB de datos ao mes por 19,99 e 29,99 euros/mes respectivamente.

As tarifas ilimitadas tamén poderán incluírse en conexións converxentes, de xeito que as conexións a 600 Mbps poderán optar a Vodafone One Ilimitado por 69,99 euros/mes, a Vodafone One Ilimitada Súper por 84,99 euros/mes e a Vodafone One Ilimitada Total por 99,99 euros/mes; no caso da fibra a 1 Gbps será posible gozar de datos ilimitados á máxima velocidade do 4G (e co servizo Vodafone Super Wifi incluído) por 109,99 euros/mes. Como acontece nas tarifas móbiles, nos plans converxentes tamén será posible contratar tarifas con 3 e 6 GB de datos ao mes e fibra a 100 Mbps simétricos por 47,99 e 57,99 euros/mes respectivamente.
Os clientes actuais poderán manter os seus plans de prezos actuais ou contratar algunha das novas tarifas ilimitadas a partires do 14 de abril, cando tamén entran en vigor os novos paquetes de Vodafone TV.

PUBLICIDADE