Vigo será a sede da edición 14 da xuntanza anual da comunidade KDE

luns, 29 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

A vindeira edición da Akademy-es, a reunión anual da comunidade de desenvolvedores e usuarios da contorna de escritorio KDE e doutras comunidades do software libre (ámbito estatal), vaise celebrar en Vigo, concretamente do 28 ao 30 de xuño. A cita, organizada en colaboración coa asociación galega GALPon, levarase a cabo no Museo de Arte Contemporánea, o MARCO de Vigo. A xuntanza chegará en Vigo á súa edición número catorce. A intención dos organizadores é achegar “uns días fantásticos de relatorios, presentacións, obradoiros, conversas, intercambio de ideas e de cultura libre en xeral”.
Durante o evento realizaranse charlas tanto para usuarios como para desenvolvedores, ademais de talleres prácticos e outras actividades de carácter máis social coas que se pretenden cumprir os seguintes obxectivos: pór en contacto a desenvolvedoras e desenvolvedores de KDE de toda España (para que poidan falar dos proxectos en que están a traballar, compartir código, experiencias e coñecemento), dar a coñecer os proxectos KDE e a contorna de escritorio aos novos usuarios e divulgar acerca das tecnoloxías KDE, tanto para novos creativos como para usuarios que queiran coñecer mellor KDE.

PUBLICIDADE