Vitae móstranos nun novo curso virtual como xestionar o tempo en proxectos TIC

mércores, 21 de outubro do 2020 S. P.

A crise sanitaria fixo que a nosa necesidade de formarnos como mellores profesionais das novas tecnoloxías gañase un extra de relevancia, e as academias e consultoras encargadas de achegarnos esta formación puxeron todo da súa parte para satisfacer as nosas demandas. Un exemplo perfecto é Vitae Consultores, que dende a súa aula virtual ofrécenos este outono unha chea de recursos para sermos máis eficaces, eficientes e, sobre todo, áxiles. Disto trata precisamente o curso Axilidade Avanzada: Xestión do Tempo en Proxectos e Equipos Áxiles. Serán dez horas de formación en remoto, a desenvolver os días 23, 24, 25, 26 e 27 de novembro. En palabras de Vitae, “estamos ante unha oportunidade para coñecer polo miúdo os hábitos que nos levan a un mal uso do recurso Tempo nos proxectos TIC”.
A actividade formativa mostraranos como afrontar os obstáculos que temos no noso día a día como profesionais das tecnoloxías, que factores inflúen na xestión do tempo e que mecanismos, métodos e técnicas temos para mellorar esa xestión e manter un ritmo sustentábel. O curso está dirixido a calquera persoa que queira mellorar a súa xestión do recurso Tempo.
O temario achegaranos aos erros máis habituais nas ditas tarefas empresariais (como non estragar o tempo en proxectos TI), ao tempo como recurso, ás metodoloxías máis axeitadas para mudar os malos hábitos, ao rol do scrum master na xestión do tempo, ás ferramentas que nos axudan a coñecer polo miúdo a nosa contorna, aos obxectivos intelixentes, ás boas prácticas para optimizar a planificación en axilidade e a como acadar o máximo valor en cada acción.
O curso desenvolverase a través da aula virtual de Vitae con sesións en directo, de 18.00 a 20.00.
A encargada de impartir estes contidos será Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior en Informática e na actualidade coordinadora de Proxectos e responsábel de Seguridade da Calidade do Desenvolvemento de Software na dirección de Electrónica HMI do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, o CTAG. Josefina Alonso, ademais, posúe unha ampla experiencia nos eidos do desenvolvemento de software e do asesoramento empresarial e a centros de I+D (traballou para a Axencia Europea do Espazo, o CTAG, o CITIC, Tecnocom, Sivsa, Seresco, Coremain ou Balidea, entre outras moitas entidades).

PUBLICIDADE