Vodafone comercializa a luz V16 conectada da compañía galega Netun

venres, 17 de decembro do 2021 Marcus Fernández

Hai uns meses a galega Netun Solutions anunciou un acordo con Vodafone para proporcionarlle o seu dispositivo de seguridade na estrada, que agora o operador británico anuncia como a primeira luz V16 conectada do mercado, o Help Flash IoT Connected by Vodafone.
Estamos ante o primeiro dispositivo V16 que cumpre coas novas especificacións da Dirección Xeral de Tráfico e que suporá unha importante vantaxe para os condutores xa que reducirá os tempos de espera nos casos de emerxencia na estrada.
O Help Flash IoT é unha baliza luminosa que non se limita a sinalizar un vehículo na vía en caso de accidente ou avaría como antes facían os triángulos, senón que tamén se conecta á plataforma DGT 3.0 enviando a xeolocalización do vehículo e permitindo atopar rapidamente o lugar do incidente. A plataforma tamén avisa dun posible obstáculo ao resto de condutores.
Lembremos que as balizas luminosas ordinarias poden empregarse como substitutas dos triángulos de emerxencia até decembro de 2025, pero a partir do 1 de xaneiro de 2026 pasarán a ser obrigatorias, contribuíndo a unha maior seguridade viaria, especialmente coa incorporación da conectividade móbil.
A nova luz V16 de deseño galego integra a tecnoloxía NB-IoT, polo que en caso de emerxencia conéctase aos centros de control de tráfico grazas á cobertura da Rede Global de Vodafone en España, plataforma que facilita a conectividade do dispositivo durante toda a súa vida útil unicamente coa súa batería interna incluso en escenarios de reducida cobertura.
O Help Flash IoT Connected by Vodafone venderase nalgúns puntos de venda autorizados e na rede de tendas de Vodafone (así como a través da aplicación móbil da compañía).

PUBLICIDADE