Netun proporciona a Vodafone o seu revolucionario dispositivo IoT de seguridade na estrada

mércores, 2 de xuño do 2021 S. P.

A operadora Vodafone vén de acadar un acordo coa empresa galega Netun Solutions, con sede en Nigrán (Porto do Molle), para achegar aos seus clientes a conectividade e a seguridade na estrada que proporciona o dispositivo Help Flash IoT desenvolvido pola firma da nosa terra. Esta tecnoloxía, segundo salienta Vodafone, é o substituto intelixente e conectado dos tradicionais triángulos de emerxencia na estrada. Terá un mercado potencial de máis de 30 millóns de vehículos só en España.
Segundo engade a operadora, Help Flash IoT é un dispositivo V16 que grazas á súa conexión á DXT 3.0 achega un extra de seguridade nos desprazamentos, reduce os tempos de espera en caso de emerxencia e cumpre todos os requisitos para ser o substituto do tradicional triángulo, a partir de xullo de 2021, e das balizas analóxicas, a partir de xaneiro de 2026.
Máis en detalle, Help Flash IoT é unha baliza luminosa que integra tecnoloxía NB-IoT (Narrow-Band ou banda estreita de Internet das Cousas) e que, en caso de emerxencia, conectarase automaticamente aos centros de control de tráfico grazas á extensa cobertura da rede global de Vodafone en España. “Isto supón unha importante novidade en canto a seguridade viaria, xa que axudará a reducir a mortalidade en caso de accidentes, conectando persoas, estradas e máquinas; achegará seguridade e tranquilidade nos desprazamentos; e reducirá os tempos de resposta en caso de emerxencia”, explica a operadora.
A alianza entre Netun Solutions e Vodafone chega tras a aprobación do Real Decreto de auxilio en vías públicas que obrigará a que todos os vehículos leven un destes dispositivos, coa novidade de que estes deberán conectarse automaticamente coa plataforma denominada DXT 3.0. Esta plataforma, en palabras da compañía de telecomunicacións “unha das máis avanzadas e pioneiras de Europa”, é un ecosistema de comunicación que a Dirección Xeral de Tráfico creou para un maior control e xestión de todos os activos que nalgún momento fan uso da rede viaria (condutores, guindastres, transportes, obras, etc.). Esta regulación terá un período transitorio de 4 anos no que convivirán esta solución e as anteriores, até o mes de xaneiro de 2026 data na que o dispositivo IoT será obrigatorio.
A rede NB-IoT de Vodafone
Grazas a este acordo, explica Vodafone, “os cidadáns terán acceso á maior rede NB-IoT do mercado, con cobertura en toda a xeografía española”.
A rede NB-IoT de Vodafone permite manter un dispositivo conectado durante toda a vida útil do mesmo unicamente coa batería interna, proporcionando ademais a denominada “cobertura profunda” que permite operar con normalidade en escenarios de escasa cobertura. “Trátase de ofrecer aos usuarios a mellor rede dispoñíbel en calquera contorna, para que, en caso de emerxencia, estea garantido funcionamento do dispositivo”, engade a compañía.
Carlos Conde, director de Estratexia Dixital de Netun Solutions asegurou que “como responsábel do negocio dixital tiven claro desde o primeiro momento que o partner axeitado era Vodafone por múltiples motivos, por exemplo a súa posición de liderado na área de IoT, que é indiscutíbel, cunha cobertura actual moi superior ao resto de operadoras e moi adecuada aos intereses de Netun e aos requisitos esixidos polo novo Real Decreto. Ademais, como líderes en seguridade viaria, buscabamos unha compañía á altura das nosas expectativas e sen dúbida Vodafone cumpre con creces este requisito”.
E engade Daniel Jiménez, director xeral de Vodafone Business: “Para nós, como líderes no segmento IoT no mercado español con máis de 3,2 millóns de liñas de Internet das Cousas, é unha gran satisfacción achegar esta tecnoloxía de conectividade inmediata á sociedade nun ámbito tan importante como é a seguridade viaria e cunha proposta radicalmente distinta a todo o que había no mercado da man de Netun Solutions”.

PUBLICIDADE