Vodafone mellorará a súa banda larga fixa e móbil

martes, 6 de setembro do 2016 Marcus Fernández

O XXX Encontro de Telecomunicacións e Economía Dixital organizado por AMETIC foi o escenario elixido por Vodafone para realizar grandes anuncios con respecto aos seus servizos de banda larga, resultando especialmente rechamante o feito de que a rede fixa con tecnoloxía HFC herdada de ONO vai actualizarse a DOCSIS 3.1, o que permitiría velocidades de até 1 Gbps simétrico, de xeito que os seus usuarios non terían a discriminación que actualmente padecen con respecto ás novas conexións de fibra óptica até o fogar que instala Vodafone.
Actualmente o volume de fogares que reciben fibra de Vodafone sería de 9 millóns, e o obxectivo da compañía para o ano que vén sería superar os 10 millóns, o que permitiríalle competir moito mellor, xa que no mercado están a ter un impacto moi importante os servizos combinados, polo que unha boa banda larga fixa é crucial para captar clientes.
Vodafone tamén mellorará a súa rede 4G, considerada como a mellor do Estado actualmente, que busca agora ofrecer conexións de banda larga móbil co 75 Mbps de descarga e 25 Mbps de subida en poboacións de menos de 25 mil habitantes a primeiros do ano que vén; no caso de poboacións de máis de 25.000 habitantes e zonas turísticas as conexións terían unha velocidade de 185 Mbps de descarga e 75 Mbps de subida; e as 32 maiores cidades e áreas metropolitanas gozarán de conexións de 350 Mbps de descarga e 100 Mbps de subida. En definitiva, que Vodafone conseguiría volver liderar as velocidades de conexión en 4G, conseguindo unhas conexións móbiles que en moitos casos superan en velocidade e resposta ás redes fixas, o que está a mudar considerablemente a experiencia de usuario en mobilidade.
Outro anuncio salientable dos feitos por Vodafone esta mañá é que a compañía ofrecerá aos seus clientes a nova oferta audiovisual de HBO, que aínda non foi detallada, pero da que adiantaron que contará con todas as tempadas de Game of Thrones, evitando así os problemas que tivo Netflix coa súa chegada a España (que chegou sen varias das súas series estrelas, por estar a ser distribuídas por Movistar no territorio español).

PUBLICIDADE