Telefónica quere loitar contra os xigantes da Internet polo control dos datos dos usuarios

luns, 5 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Durante a súa intervención no XXX Encontro de Telecomunicacións e Economía Dixital organizado por AMETIC en Santander, o presidente de Telefónica, José María Álvarez-Pallete sorprendeu falando dunha “cuarta plataforma para pór a disposición dos seus clientes toda a súa información”, ou sexa, para cortar as ás a compañías como Facebook e Google, que fan negocio cos datos persoais dos usuarios, aínda que sen entrar a explicar realmente en que consistiría esta solución tecnolóxica.
Coméntase que sería unha grande base de datos en tempo real na que figurará toda a información sobre os clientes (localización, información de pagamentos, aplicacións que empregan, contidos audiovisuais que reproducen...) que os xigantes da Internet aproveitan para a personalización da súa publicidade, de xeito que o operador de telecomunicacións colocaríase entre usuarios e compañías de Internet, pretendendo incluso forzar a estas compañías a pagar aos clientes para que cedan os seus datos (dando a impresión de que obvian que precisamente esa información é a que permite que poidamos ter eses servizos de balde, e bloquear o acceso aos datos a nivel de infraestrutura de rede probablemente levaría á imposibilidade de acceder aos servizos).
A nova plataforma estaría aberta aos desenvolvedores, e buscaría reivindicar o control dos datos persoais dos usuarios, conseguindo incluso que dende Vodafone tamén recoñezan estar a traballar nalgunha solución na mesma dirección.
Sen coñecer máis detalles destas novas plataformas parecen xogadas desesperadas ante a negativa dos reguladores a que as empresa de Internet teñan que pagar aos operadores de rede polo uso que fan os seus usuarios, xa que o cliente final xa paga mensualmente aos provedores de acceso pola súa conexión. De feito, os organismos reguladores están a avanzar timidamente na dirección contraria: procurar garantir a neutralidade de rede.

PUBLICIDADE