Vodafone reclama impagamentos a Finetwork

venres, 16 de maio do 2025 Redacción

Vodafone España iniciou accións legais e administrativas contra Finetwork, a operadora que presta servizos empregando a súa rede. Segundo fontes próximas ao proceso, Vodafone reclama o pago de servizos correspondentes aos últimos trimestres, cunha débeda que se situaría en varias decenas de millóns de euros.
Ambas compañías manteñen relación desde 2019, cando Finetwork comezou a actuar como distribuidora de Vodafone. Porén, os primeiros problemas xa xurdiron naquela fase e acentuáronse coa súa evolución a operador móbil virtual, sobre todo tras a compra de Vodafone España por parte do fondo británico Zegona.
Para tentar manter a colaboración e garantir a continuidade do servizo, Vodafone propuxo distintas solucións: reestruturacións da débeda, facilidades de pagamento e mesmo condonacións parciais ligadas a novos calendarios. Finalmente, decidiu embargar contas bancarias de Finetwork para recuperar as cantidades pendentes e notificou a situación á Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, solicitando a súa intervención ante o que cualifica como unha situación insustentable.

Finetwork acusa a Vodafone de incumprir o contrato

Desde Finetwork recoñecen que existe un conflito, atribuíndo a responsabilidade á compañía matriz. Aseguran que Vodafone cometeu «incumprimentos graves e esenciais» do contrato maiorista asinado en 2024, despois da chegada de Zegona, o que limitaría a súa capacidade competitiva nun mercado especialmente esixente.
Finetwork afirma ter reclamado xa penalizacións e indemnizacións que sumarían 150 millóns de euros e denuncia estratexias empresariais «agresivas e cuestionables» por parte de Vodafone/Zegona. Entre as accións pendentes, citan unha reclamación millonaria presentada por unha operadora asiática contra o grupo británico.
En paralelo ao desenvolvemento dos procedementos legais, a actividade comercial de Finetwork continúa con normalidade.