Xa non é preciso contar con invitación para xogar a Fortnite para iOS

luns, 2 de abril do 2018 Marcus Fernández

Hai preto dun mes Fortnite Battle Royale comezou a funcionar, con invitación, en dispositivos móbiles, de xeito que este fenómeno xa non se limita a PlayStation 4, Xbox One, PC e Mac, sorprendendo porque a versión móbil optou por non ser un xogo reducido, senón por ofrecer unha experiencia completa, co mesmo mapa, a mesma xogabilidade e as mesmas actualizacións semanais. Tras varias semanas en probas, a versión parece estar madura, e agora os usuarios de dispositivos con iOS 11 compatibles (iPhone SE, 6S, 7, 8 e X, iPad mini 4, Air 2, 2017 e Pro) poden xa gozar libremente de Fortnite para iOS, sen esperar por unha invitación.
Os usuarios que deberán agardar agora a recibir unha notificación convidándoos a gozar de Fortnite no seu móbil serán os que teñan Android, que poden xa inscribirse para a nova versión móbil que chegará en breve.
Fortnite converteuse nas últimas semanas no xogo líder dentro do xénero do Battle Royale, superando a Playerunknown’s Battlegrounds, permitindo que nas súas distintas plataformas poida participar en partidas de xogador contra xogador de até un cento de participantes que terán que construír coberturas, enfrontarse aos rivais e, en definitiva, sobrevivir até ser o último xogador en pé, que xa non limita a experiencia ao ordenador e a consola, senón que agora pode levarse a case calquera lugar onde contemos con acceso á Internet, o que claramente facilitará que continúe a medrar a popularidade deste título.

Tráiler da versión móbil de Fortnite Battle Royale

PUBLICIDADE