Xa podemos engadir á nosa listaxe de desexados o xogo galego After Juice: Animal Disco Mafia

martes, 27 de maio do 2025 Marcus Fernández

A pasada fin de semana o estudio de videoxogos galego Virtual Seed estivo presente na feira ExpOtaku para amosar ao público o seu traballo en curso, o xogo After Juice: Animal Disco Mafia, unha aventura gráfica con moito humor protagonizada por animais antropomorfos nunha noite de xoves universitario.
Este traballo é froito do esforzo dos alumnos da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, Danae Romero Sánchez, Sofía González Rodríguez, Ariadna Carla Mato Nieto, Antonio José Leis Iglesias, Pedro Hernandez Crespo, Alejandro Carpente Porral, Ramón Torres Chávez e Marcos Parada Gil unidos baixo o selo Virtual Seed, que proximamente achegará a súa obra ao grande público, xa que por fin teñen o seu xogo listado na tenda dixital Steam (polo que xa podemos engadilo á nosa listaxe de desexados), onde aseguran que teñen previsto o seu lanzamento para o cuarto trimestre do ano, aínda que non teremos que agardar tanto para botarlle un ollo máis aló das feiras nas que permiten probalo en persoa, xa que no mes de xuño ofrecerán unha versión de demostración desta aventura gráfica tan curiosa.
After Juice convídanos a encarnar a Tofu, un pequeno hámster universitario nunha descontrolada noite universitaria na cidade de Furrol, onde as gominolas, os zumes, o chocolate a outras larpeiras serán as que leven aos animais a descontrolarse. O que comeza como unha noite de troula desemboca nun misterio surrealista que desenredar.
No xogo atoparemos morcegos poetas, toupas conspiranoicas, ras influentes, pingüíns liorteiros, coellos pinchadiscos... toda unha sorte de fauna coa que conversar para obter pistas o simplemente vivir momentos absurdos. Tamén haberá que superar minixogos para mellorar a marca persoal de Tofu.
Un título bastante curioso e orixinal do que non podemos esquecer o detalle de que chegará con textos e voces en galego.

Vello tráiler do xogo