Xa podemos reservar as lentes Oakley Meta HSTN na súa edición limitada

luns, 14 de xullo do 2025 Marcus Fernández

Hai preto dun mes Meta anunciou as súas novas lentes con IA integrada creadas en colaboración con Oakley, levando a tecnoloxía de Meta AI a un produto orientado á práctica deportiva, o que provocou que este novo deseño superase ás anteriores Ray-Ban Meta en autonomía e resolución da súa cámara (atendendo ás necesidades dun perfil de usuario máis específico).
Está previsto que a finais deste verán estean dispoñible 6 combinacións distintas de monturas e lentes das novas Oakley Meta, para adaptarse a distintos gustos e usos, partindo estas lentes dun prezo de 439 euros, pero as Oakley Meta HSTN contarán tamén cunha edición limitada que celebra os 50 anos de deseño de Oakley con detalles dourados e lentes polarizadas 24K Prizm, cun prezo de 549 euros, que xa poden reservarse na tenda en liña de Meta e na páxina web de Oakley, estando previsto a dispoñibilidade deste agardado produto para o vindeiro día 22.
Estas novas lentes con integran altofalantes abertos na montura para permitir escoitar música, comunicarse en mans libres ou interactuar coa intelixencia artificial de Meta mediante a voz; a súa cámara captura vídeo 3K coa comodidade de non ocupar as mans durante as gravacións (tamén pode tomar fotografías de 12 Mpíxeles, almacenándose estes contidos na súa memoria interna de 32 GB); e a súa batería achega unha autonomía de ata 8 horas de uso normal que co seu estoxo de carga permite ampliar o seu uso ata 48 horas.
A mellora na resolución na gravación de vídeo destas novas lentes é moi importante, xa que pasa de 1.440 x 1.920 píxeles das Ray-Ban Meta a 3.024 x 4.032 píxeles, o que non só permite un maior detalle, senón que tamén serve para poder recortar o vídeo para adaptalo a formato horizontal cunha resolución superior a Full HD, conseguindo que estas lentes sexan moito máis prácticas para a creación de contido.

Vídeo promocional das Oakley Meta HSTN