Xiaomi terá unha versión de seu das Oculus Go para o mercado chinés
martes, 9 de xaneiro do 2018
O pasado mes de outubro Facebook anunciou
que a primeiros de ano iniciaría a comercialización de Oculus Go, un casco
de realidade virtual autónomo, ou sexa, unha solución semellante ao casco Gear
VR de Samsung, pero que non precisaría da introdución dun smartphone no seu
interior, e que tería un prezo de 199 dólares, reducindo así a barreira de
entrada do público na realidade virtual; e agora, no marco do CES de La Vegas, matizan
que este
produto é froito dun acordo de colaboración máis amplo con Qualcomm
Technologies e Xiaomi, de xeito que no mercado global teremos as Oculus Go,
mentres que dentro de China será posible facerse co Mi
VR Standalone.
Ambos cascos de realidade virtual funcionan coa plataforma de realidade virtual
móbil Qualcomm Snapdragon 821, integran pantallas LCD de 2K e integran audio
espacial (sendo posible conectarlle auriculares para unha experiencia máis
privada).
A grande diferenza entre ambos trebellos será o software e os servizos, de
xeito que o casco de Xiaomi distribuirá as aplicacións e os contidos a través da
Mi VR Store. O casco de Xiaomi será compatible co software desenvolvido para
Oculus Go, polo que será un produto moi interesante para gozar de xogos, vídeos
e outras aplicacións.
Aínda que a calidade da realidade virtual móbil é moi inferior do que pode
conseguirse cun PC de alta gama, as distancias cada vez son máis curtas,
destacando a variante móbil polo seu alto nivel de liberdade de movementos para
o usuario, polo que este tipo de produtos parecen estar buscando simplemente
abrirse camiño cara o que será a realidade virtual do futuro, de xeito que cada
vez será máis asumible e os seus resultados máis realistas e inmersivos.
- O Mi VR Standalone e as Oculus Go son produtos case idénticos a nivel de hardware