Xiaomi trae a España a Mi Band 3 e o seu proxector láser de tiro curto

xoves, 6 de setembro do 2018 Marcus Fernández

A poucos días da inauguración da primeira tenda galega de Xiaomi, a Mi Store Marineda, a marca chinesa amplía o seu catálogo español cun par de produtos moi interesantes: a Mi Band 3 e o Mi Laser Projector, a prezos de 29,99 e 1.899 euros respectivamente.
A Mi Band 3 chegará mañá mesmo ás tendas de Xiaomi, mentres que nas tendas físicas doutras marcas non estará dispoñible até o 14 de setembro; pola súa banda, o Mi Laser Projector non poderá mercarse en España até o 14 de setembro.
Lembremos que a Mi Band 3 é unha pulseira de actividade cunha pantalla OLED de 0,78 polgadas, resistente á auga e cunha autonomía de até 20 días que pode notificar chamadas e mensaxes, así como rexistrar os nosos pasos, o ritmo cardíaco e a calidade do sono; unha grande cantidade de funcionalidades para un prezo moi axustado, de aí a popularidade deste tipo de accesorio de Xiaomi. Tamén é posible aproveitar a pulseira como dispositivo de confianza, de xeito que de estar preto do noso smartphone non será preciso introducir o contrasinal para desbloquear o móbil; e pode axudarnos a localizar o teléfono se non lembramos onde o deixamos.
Pola súa banda o Xiaomi Laser Projector é un produto que pode sorprender por tratarse dun proxector de tiro ultracurto, que midiante un láser ALPD 3.0 consegue xerar unha pantalla de entre 80 a 150 polgadas a unha distancia da superficie de proxección de entre 5 e 50 centímetros. Amais está equipado co software do Mi TV, de xeito que pode reproducir moitos contidos de fontes en liña; ten un impresionante brillo de 5.000 lumenes; a súa lámpada ten unha vida de até máis de 25.000 horas; e integra un sistema de 4 altofalantes de grande calidade (con soporte de Dolby Audio e DTS-HD).
Este proxector mide 410 x 291 x 88 milímetros, e aínda que o seu prezo semella elevado, é moito menor que o de dispositivos semellantes, como o proxector NEC P502HL-2, que ten un prezo de 3.394 euros.

JPEG - 113.7 KB
O proxector láser de Xiaomi integra a tecnoloxía de Mi TV, ou sexa, que pode achegar contidos da Rede grazas a unha versión de Android orientada a grandes pantallas

PUBLICIDADE