ZTE podería perder a licenza de Android

mércores, 18 de abril do 2018 Marcus Fernández

Imaxe do ZTE Blade V9

As sancións dos EE.UU. poderían levar a que ZTE non puidese mercar procesadores Qualcomm Snapdragon para os seus dispositivos, o que forzaría a unha profunda transformación do seu catálogo de produtos actual, pero a cousa non quedaría aí, senón que hai fontes que aseguran que o veto afectaría tamén ao software, de xeito que ZTE non podería instalar as versións ordinarias de Android, que son as que habitualmente teñen os teléfonos vendidos fóra de China, e que inclúen a tenda de aplicacións de Google Play e as aplicacións básicas de Google, compañía que ao ser estadounidense non podería relacionarse comercialmente con ZTE durante os vindeiros 7 anos.
Polo momento non está claro se realmente as sancións impostas polo Departamento de Comercio afectan a Android, polo que ZTE e Alphabet Inc. están a discutir o impacto do veto estadounidense, pero dado que ZTE comercializou 46,4 millóns e smartphones con Android o ano pasado parece claro que a prohibición de incluír Android nos mesmos podería ser prexudicial tanto para ZTE como para Google.
Dende o goberno dos EE.UU. están a emprender distintas ofensivas contra as compañías chinesas que poidan participar no sector das telecomunicacións, pero o caso de ZTE está a chegar a un nivel sen precedentes, podendo prexudicar a tal fabricante dun xeito que parecería excesivo, por ir moito máis aló do mercado estadounidense.

PUBLICIDADE