nVIDIA convértese na primeira compañía en superar os 4 billóns de dólares de cotización bolsista

mércores, 9 de xullo do 2025 Marcus Fernández

Gráfico coa cotización bolsista de nVIDIA, Microsoft e Apple no último ano

Hai algo máis dun ano nVIDIA estaba a competir en valoración bolsista con Apple e Microsoft ata chegar a converterse na compañía cunha maior cotización no NASDAQ cunha valoración total de 3,335 billóns de dólares, e aínda que nos seguintes meses foi alternando posicións cos seus competidores directos, nos últimos días Apple foi perdendo postos e a carreira por ver quen era a primeira empresa en chegar a unha cotización de 4 billóns de dólares era xa cousa de dous.
Finalmente foi nVIDIA a compañía que conseguiu superar por primeira vez os 4 billóns de dólares, seguida por Microsoft e Apple a unha distancia considerable (uns 3,75 e 3,135 billóns de dólares respectivamente), confirmando a confianza do sector por nVIDIA, fabricante sobre o que tiñan certas dúbidas cando xurdiu DeepSeek, pero que finalmente confirmouse como un actor clave no fenómeno da intelixencia artificial que está a invadir todos os ámbitos das nosas vidas.
Os xigantes tecnolóxicos (Amazon, Google, Microsoft, Meta...) están a investir centos de millóns de dólares en centros de datos orientados á IA, que funcionan maioritariamente con hardware fabricado por nVIDIA, sen existir actualmente provedores alternativos solventes, polo que a marca coñecida popularmente polas súas tarxetas gráficas para ordenadores está a demostrar día a día que xoga un rol fundamental na actual revolución tecnolóxica.
Aínda que a cotización bolsista de nVIDIA está a flutuar, e aínda non se estabilizou sobre os 4 billóns de dólares, semella que será así nos vindeiros días, cruzando unha barreira difícil de predicir hai un par de anos, cando a compañía estaba valorada na décima parte que hoxe.