Os altofalantes WONDERBOOM 3 presumen de autonomía e alcance Bluetooth

mércores, 17 de agosto do 2022 Marcus Fernández

Ultimate Ears, filial de Logitech especializada en altofalantes, conseguiu converterse en todo referente en altofalantes Bluetooth co UE WONDERBOOM que lanzou en 2017, para renovalos en 2019, e o vindeiro día 31 estaría dispoñible por 99,99 euros o novo UE WONDERBOOM 3, uns altofalantes Bluetooth portátiles e aptos para o seu uso en exteriores, que destacan pola súa grande potencia nun tamaño moi reducido.
Estes altofalantes de 360⁰ poden empregarse sen problema en espazos abertos e en interiores, e nesta revisión presumen dunha autonomía de até 14 horas (precisando 2,6 horas para cargase completamente). A súa resistencia é notable, con certificación IP67 contra auga e po, e incluso pode soportar caídas a 1,5 metros de altura. O seu Bluetooth ten un alcance de até 40 metros, o que resulta especialmente interesante ante a posibilidade de poder emparellar dous altofalantes da marca para poder gozar de son estéreo, converténdose en bos complementos para montar unha festa.
Aínda que estamos ante un produto que parece todo un acerto, agás por un detalle que está a sorprender para mal: o fabricante optou por utilizar un vello porto micro USB para cargar a súa batería, en vez dun porto USB-C, que é o estándar de facto no mercado.

Vídeo promocional dos novos altofalantes

PUBLICIDADE