Os televisores 8K actuais non poderán venderse en Europa a partir de marzo de 2023

venres, 21 de outubro do 2022 Marcus Fernández

Nos últimos meses as feiras tecnolóxicas amosaron a ausencia da grande oferta de televisores 8K que podían verse en anos anteriores, asegurando os propios fabricantes que iso era consecuencia da posibilidade de que moitos dos modelos que estaban en desenvolvemento puidesen non chegar a comercializarse en moitos mercados por limitacións normativa, destacando o caso europeo, onde pasaría a estar prohibida a venda dos actuais televisores 8K por mor do seu elevado consumo enerxético.
Dende a industria están a loitar contra o novo regulamento europeo, argumentando basicamente que prexudica aos fabricantes e frearía un ecosistema emerxente, aínda que na práctica os televisores 8K non teñen moito sentido, xa que carecen de contidos en tal resolución e, de feito, incluso os contidos en 4K aínda están moi lonxe de xeneralizarse (apenas existen canles televisivas en 4K, e incluso nas plataformas de streaming moitos dos contidos non están dispoñibles ultra alta resolución, quedando limitada tal opción a novas producións).
A nivel europeo temos un regulamento que establece os requisitos de deseño ecolóxico aplicable ás pantallas electrónicas, que establece un Índice de Eficiencia Enerxética (IEE) que para as pantallas 4K está actualmente limitado a un máximo de 1,10, mentres que as pantallas con resolución superior non habería tope até a entrada en vigor do novo regulamento, que fixaría o IEE máximo en 0,90 para todas as pantallas cunha resolución superior a Full HD, o que afectaría ás pantallas 8K e tamén ás emerxentes pantallas Mini LED.
Baixo este marco, non só estaría prohibida a venda de todos os televisores 8K actuais, senón tamén de moitos televisores equipados con modos HDR moi pouco eficientes, o que supón consumos enerxéticos que as autoridades comunitarias consideran desproporcionados.

O televisor LG NanoCell 8K ten un panel de 75 polgadas

Como exemplo do futuro marco regulatorio os televisores de 55, 65 e 75 polgadas terían uns consumos máximos de 85, 113 e 142 watts respectivamente, o que está moi por debaixo dos límites actuais do televisores 8K. Por exemplo, os televisores LG 8K NanoCell de das dimensións de pantalla antes mencionadas consumirían uns 130, 171 e 178 watts en modo normal e 189, 269 e 274 watts co HDR activado. Pola contra os televisores 4K que hai actualmente no mercado non teñen problema en encaixar na nova norma cando teñen o HDR desactivado.
Querer xustificar o consumo excesivo dos actuais televisores 8K cando na práctica están reproducindo contidos en alta definición (e algún contido puntual en 4K) non é en absoluto razoable en produtos destinados a fogares, pois supón un desperdicio enerxético masivo.
Non debemos entender que na Unión Europea se prohibe o 8K, pois a nova medida tamén afectaría aos televisores Mini LED 4K e a algún outro televisor que non coida a súa eficiencia enerxética, e parece razoable pensar que o obxectivo perseguido instar aos fabricantes a coidar a eficiencia dos seus produtos antes que as especificacións que só introducen como reclamo comercial e que non teñen supoñen unha vantaxe obxectiva.

PUBLICIDADE