A Mesa felicita á empresa TIC Dimensiona polo seu uso normalizado do galego

mércores, 10 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

Cando unha empresa, sexa do sector que sexa, aposta pola lingua propia do lugar onde se empraza, amais de facer algo lóxico está a traballar por incrementar o seu valor como empresa no mercado, amosando marca de seu e elemento distintivo. Dito doutro xeito: a procedencia dunha compañía, o compoñente local, é un factor de crecemento e respecto nun escenario global. Así o entende A Mesa pola Normalización Lingüística, que cada pouco recoñece o labor a prol do galego despregado polas nosas empresas. Desta volta, vén de distinguir o compromiso dunha firma TIC, a firma Dimensiona, da que xa temos falado en Código Cero para falar das súas iniciativas de promoción do rural galego botando man de tecnoloxías como o GPS.
A firma de consultoría e asesoramento tecnolóxico-dixital Dimensiona, sinala A Mesa, foi incorporada á sección Abertos ao Galego (onde se acubillan as firmas que fan uso normalizado da lingua), por ter dado mostras continuas de respecto polo idioma e a cultura de seu, entrelazándoo con estratexias de revalorización do noso rural e do potencial turístico galego e de divulgación TIC.
Para A Mesa, o portal da Consellería de Medio Rural e do Mar, medioruralemar.xunta.es, o arquivo de poéticas contemporáneas na cultura poesiagalega.org, a aplicación de control de acceso aos equipos da Rede de Bibliotecas de Galicia, o arquivo dixital da Editorial Galaxia ou Traduza (unha ferramenta de tradución automática do español ao galego), son unha boa mostra dos seus traballos.
Por certo que o equipo de Abertos ao Galego visitou recentemente as instalacións de Dimensiona para coñecer a empresa de man dos seus socios, María Fernández e Camilo Regueiro. "Dimensiona é unha empresa que funciona case ao 100% en galego e que fan os seus traballos e se relacionan con clientes e provedores na nosa lingua, entendendo esta elección como algo natural, pois é a lingua que empregan os socios e polo tanto na empresa", engaden fontes de A Mesa.

PUBLICIDADE