A Mesa salienta o labor a prol do galego da empresa TIC de Ponteareas Ceros e Uns

martes, 10 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

Unha das liñas de actividade da Mesa pola Normalización Lingüística é a de salientar o compromiso das nosas empresas con respecto ao galego. Neste compromiso, destaca a asociación, cobran especial importancia empresas ligadas á innovación e ao tecnolóxico, en definitiva: ligadas ao futuro. A razón disto? Pois porque, directamente ou non, fan un labor de normalización da lingua onde aínda todo está, coma quen di, por normalizar. É o caso de Ceros e Uns, firma de informática emprazada en Ponteareas que A Mesa sitúa estes días como exemplo do devandito.
Ceros e Uns, que forma parte do programa Abertos ao Galego dende o comezo do mesmo (programa que fomenta a inclusión da lingua nos sectores produtivo, asociativo ou institucional, recoñecéndose este apoio con certificados de validez anual), é unha firma especializada en venda de equipamento informático (de primeira e segunda man, dende ordenadores a accesorios e consumíbeis), en apoio técnico e máis en instalación de todo tipo de redes e infraestruturas TIC. Tamén se dedican á xestión da presenza na Rede de firmas e particulares, amais da súa publicidade en liña.
Segundo fan saber dende A Mesa, Ceros e Uns entende o uso do galego non só como un compromiso ético senón tamén como valor engadido, complemento axeitado de marca. “Desde o inicio da súa actividade, Ceros e uns traballa integramente en galego, pois é a lingua habitual de Xan, o responsábel da empresa”, sinala a asociación galega, que destaca tamén os camiños abertos por este tipo de firmas: “Para eles, a existencia de proxectos como Abertos ao Galego é positiva, pois valora moito o obxectivo de pór en valor o traballo que fan as empresas que traballan preferentemente en galego”. Amais de web propia, a empresa conta con presenza en Twitter e máis no Facebook. Ceros e Uns participa tamén no programa Repoblar, da Deputación de Pontevedra, dirixido a levar as redes, a prezos económicos, ao rural da provincia.

PUBLICIDADE