A Xunta aposta pola penetración das TIC nas empresas do país

venres, 6 de novembro do 2009 Raquel Noya

Mar Pereira e José María López presentaron o proxecto DifundeTic

No marco da presentación do proxecto DifundeTic celebrado hoxe en San Caetano, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira Álvarez, lembroulles aos alí presentes que a dinamización no emprego das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) por parte das empresas galegas “constitúe un elemento diferenciador e de mellora da súa competitividade”, e que ese é precisamente o obxectivo primordial do seu departamento: “diminuir a fenda dixital nas empresas do país”, un dos eixes máis prioritarios de actuación da presente Lexislatura.
A secretaria xeral de Modernización explicou que no caso do noso país, o grao de desenvolvemento da Sociedade da Información está marcado pola “profunda fenda” existente entre as pequenas e medianas empresas e as microempresas, mentres que as empresas de máis de dez empregados, “están nun nivel similar ás do resto das comunidades autónomas en canto a equipamento (o 97,7 por cento dispoñen de ordenadores) e de conexión a Internet (o 92,9 por cento)”.
Nembargantes, engadiu, “as empresas de menos de 10 empregados presentan niveis baixos de equipamento tecnolóxico e de presenza na Rede”. Así, mentres un 57 por cento deste tipo de empresas posúe ordenador, só un 46,7 por cento dispoñen de conexión a Internet, o que supón un 9,2 menos que a media estatal.
A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira Álvarez, e o presidente da Asociación galega de Empresas de Tecnoloxías da Información e Comunicación (AGESTIC), José María López Bourio, presentaron o proxecto DifundeTic, de promoción do uso das novas tecnoloxías no mundo empresarialPor outra banda, Pereira engadiu que “a penetración da banda larga é inferior en catorce puntos á media de España (34,3 por cento fronte a 48,9 por cento); e tan só un 8,3 por cento das micropemes dispoñen de páxina web, mentres que no caso das empresas de 10 ou máis empregados a porcentaxe sitúase no 51,4 por cento.

Proxecto ‘DifundeTic’
A secretaria xeral de Modernización aproveitou a ocasión ademais para falar a fondo do proxecto DifundeTic, unha iniciativa da Xunta orientada a impulsar a penetración das TIC nas empresas do país, e en espcial nas microempresas e autónomos.
O proxecto DifundeTic desenvolverase en diferentes polígonos industriais e parques empresariais de Galicia co obxectivo de sensibilizar aos empresarios ubicados nos mesmos das vantaxes que o emprego das TIC poden supoñer para as súas pemes.
Esta campaña de difusión realizarase entre os empresarios, os autónomos e o persoal das pequenas e medianas empresas a través dunha unidade móbil equipada con 12 ordenadores, cañón proxector e pantalla para demostracións desde a que se repartirán manuais- guías.
As actuacións de difusión incluídas neste proxecto exporán que é a Administración electrónica, a banca electrónica e a factura electrónica, e para qué serven, ademais de cómo implantar ferramentas de software libre para a xestión empresarial.

PUBLICIDADE