A firma Qubitia, gañadora da edición galega do premio aos novos emprendedores de La Caixa

xoves, 13 de xuño do 2013 Redacción

O Premio Emprendedor XXI de La Caixa tivo unha vez máis edición galega. A entidade financeira entregou este recoñecemento (edición 2013) onte mesmo á empresa distinguida nesta convocatoria, Qubitia Solutions, responsable dunha solución de software que permite, entre outras cousas, monotorizar estratexias de investimento e cobertura para a contorna dos mercados. O galardón, que inclúe acceso ao curso Ignite Fast Track da Universidade de Cambridge e unha dotación económica de 5.000 euros, foi entregado polo director territorial de La Caixa en Galicia, Marc Arthur Benhamou, quen estivo acompañado polo director xeral de IGAPE, Javier Aguilera, e o responsable da área de PEME de ENISA, Pedro Sotoca. O evento tamén contou cunha conferencia de Alfons Cornella, experto en innovación, sobre as novas tendencias en tecnoloxía e negocios.
O devandito premio está impulsado por La Caixa e co-outorgado polo Ministerio de Industria, a través de ENISA (Empresa Nacional de Innovación), co obxectivo de recoñecer ás empresas innovadoras con maior potencial de medre nas Comunidades e a nivel estatal. A edición galega veu da man do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).
Como dixemos, Qubitia Solutions desenvolveu unha plataforma de software para producir, xestionar e manexar, en tempo real, todo tipo de algoritmos e estratexias de investimento e cobertura para a contorna dos mercados. Dirixida aos profesionais dos mercados (brokers, xestores de entidades financeiras, etc.), facilita “o estudo das súas estratexias de investimento nun escenario cada vez máis complexo, con maior volume de datos e velocidade da información”, informou a empresa responsable, que, como dixemos, obtivo un premio en metálico de 5.000 euros e a participación a un curso de aceleración na Universidade de Cambridge especialmente deseñado para emprendedores en fase crecemento, denominado Ignite Fast Track. Ademais, durante un ano a gañadora participará no programa de acompañamento que impulsa a súa xestora de capital risco, Caixa Capital Risc, e que dá apoio aos emprendedores na procura de mercados, sectores e persoas que poden ser claves para o desenvolvemento da súa empresa. O programa inclúe misións comerciais a Silicon Valley (California) e Tel Aviv (Israel) para coñecer de primeira man os principais polos de innovación a escala mundial, así como actividades de formación e traballo en rede. Igualmente, os emprendedores participantes teñen acceso preferente a financiamento para empresas en etapas iniciais de Caixa Capital Risc e ENISA. Como gañadora da fase autonómica dos Premios EmprendedorXXI, a empresa galega participará na fase nacional, na que competirá por un galardón de 20.000 euros que se dará a coñecer no mes de outubro, na gala oficial de entrega dos Premios EmprendedorXXI.
Resultaron finalistas na edición galega do certame as compañías SetPay e Centauri Biotech.