A galega Qubitia, finalista na sétima edición dos prestixiosos Technical Analyst Awards

martes, 21 de abril do 2015 Fernando Sarasketa

Qubitia, compañía galega adicada a prover solucións tecnolóxicas para os mercados financeiros, resultou ser unha das empresas finalistas na sétima edición dos premios The Technical Analyst Awards, cuxos gañadores daranse a coñecer nunha cerimonia prevista para este xoves 23 en Londres. Tras a organización dos galardóns, sinala Qubitia, atópase The Technical Analyst, como entidade que proporciona análises técnicas e información sobre os mercados financeiros globais. Segundo engaden fontes da firma galega, trátase do “máis importante recoñecemento outorgado aos principais actores do ecosistema financeiro a nivel mundial, tanto no eido dos investimentos coma no dos produtos de análise técnica e de desenvolvemento de tecnoloxía para os mercados institucionais e o mundo da compravenda de valores en mercados financeiros (trading)”.
Entre os nomeados nesta edición dos premios salientan entidades bancarias referenciais como por exemplo JP Morgan, HSBC ou Barclays; e empresas de primeira liña como Thomson Reuters ou Bloomberg.
Qubitia foi nomeada na categoría Products & Software no apartado Best Automated Trading Product: Strategy Development, polo seu produto estrela Qcaid Algorithmic Trading Platform. Como lembraremos, este “produto estrela” é unha plataforma de deseño, análise, optimización e automatización de investimentos en mercados financeiros. Segundo nos recordan dende Qubitia, unha das principais vantaxes da súa tecnoloxía reside en que as innovacións presentes nesta plataforma simplifican as etapas de investigación, creación e execución das estratexias de investimento “sen escribir unha soa liña de código”. Ou sexa, que amosa potencial de abondo para facilitar ao máximo o control de riscos e a estabilidade das contornas aos xestores. Qcaid permítelles, máis polo miúdo, combinar nun lenzo os pequenos bloques de lóxica que compoñen unha estratexia de investimento, “dunha maneira visual e intuitiva”, achegando un escenario onde a idea de investimento se convirte “nun modelo matemático doadamente analizábel”.
Qubitia está apoiada por Venture Capital, institucións como Caixa Capital Risc e Xesgalicia; e empresas do sector como Arfima Trading ou FXStreet.

PUBLICIDADE