Aratech, empresa TIC con sede en Milladoiro (Ames), vén de informarnos do desenvolvemento dunha aplicación nativa integrada en tablets co sistema Android e dirixida a mellorar a importación e distribución das cervexas da marca Fassbiere. A idea, pois, é crear un soporte comercial e técnico, personalizado, que sexa quen de centralizar os datos que os comerciais, técnicos e distribuidores manexan no seu día a día, e todo isto mediante unha aplicación nativa. “Grazas a esta aplicación”, cóntanos Aratech, “as intervencións dos traballadores de Fassbiere serán máis doadas e terán un reporte final de datos nun único lugar”.
Este desenvolvemento a medida recollerá dúas clases de datos. Por unha banda, o reporte diario dos comerciais, onde se incluirá información sobre as facturas, pedidos, recibos de entrega, fichas con obxectivos. Doutra banda, os técnicos tamén terán datos diarios sobre as avarías e revisións que teñen que realizar. Toda esta información xestionarase desde un motor de seu (backend) no que estarán reflectidos todos os datos que se xestionan coa ferramenta empresarial Navision. “Grazas a esta xestión da información co backend”, engade Aratech, “os técnicos e comerciais recibirán os datos a través da app que irá integrada nas tablets Android de 7 polgadas, dispositivos que levarán tamén unha pequena impresora para a conversión en papel de recibos ou facturas sexa instantánea e facilite máis os trámites”.
Aratech achega tecnoloxía para mellorar a xestión de pedidos da cervexeira Fassbiere
Compartir Este Artigo

