As nosas tres universidades, entre as dez estatais que máis fan a prol do software libre
mércores, 15 de abril do 2015
De novo, como cada ano, o
Observatorio Tecnolóxico PortalProgramas vén de presentar o seu
estudo sobre o nivel de apoio e compromiso que amosan (e aplican) as
universidades estatais de cara á programación aberta e todo o que
esta implica. Trátase da cuarta edición do Ranking
de Universidades en Software Libre (RuSL 2015),
un estudo que como se indica no seu nome diríxese a medir a adhesión
aos preceptos do open source das 76 institucións educativas
superiores do eido xeográfico estatal. A novidade, este ano, é que
a investigación abrangueu 68 universidades do eido hispanoamericano.
Entre as conclusións máis salientábeis, o observatorio salienta
esta: Galicia, as Illas Canarias e Andalucía seguen mantendo a súa
posición de líderes coas institucións académicas máis
comprometidas co software libre. De feito, as nosas tres
universidades conseguiron situarse unha vez máis entre as dez
primeiras clasificadas.
O estudo tamén releva
que a Comunidade Valencia pide paso e que experimentou “un notábel
medre neste senso”. A investigación conclúe que os plans de apoio
institucional ao código aberto, o uso de estándares sen licenzas
pechadas e as asesorías a empresas e administracións continúan a
ser os puntos fortes do tecido académico español en canto a
difusión da cultura open source. “Porén”, sinálase, “a
docencia neste tipo de ferramentas é unha das cuestións a
mellorar”.
A nivel galego, como
dixemos, os resultados do informe emprazan (novamente) aos nosos
campus entre os primeiros postos da clasificación, destacando os da
Universidade da Coruña, que ocupa o sexto lugar do ranking.
Séguea
a Universidade de Santiago, a USC, que por acadou un índice IDSL
de 34,45% o que a sitúa no oitavo lugar a nivel estatal, posición
semellante á que ocupaba na edición anterior desta clasificación.
Segundo explican fontes da USC, o IDSL, Índice de Difusión do
Software Libre, pretende facilitar a comparación entre universidades
e preséntase como unha métrica estandarizada e única que indica o
esforzo que realizan por difundir o software libre (SL) en relación
á que máis difunde. Así, a primeira clasificada ten un IDSL de 100
(nesta edición a Universidade de Granada) e o resto un valor entre 0
e 100 en proporción á promoción que realicen do SL.
Despois de Granada, os
primeiros postos da listaxe están ocupados polas universidades das
Palmas de Gran Canaria, La Laguna, Miguel Hernández de Elxe,
Zaragoza, A Coruña, Sevilla, USC, Politécnica de Cataluña, Vigo
(décimo lugar), Alacante, Cádiz, Oberta de Cataluña, Deusto e
Politécnica de Valencia.