Apple non estaría a ter moita sorte ultimamente co seu sistema operativo móbil, e tras xurdir unha vulnerabilidade chamada WireLurker, que distribuíndose en China para OS X remataba transmitíndose a través de iOS, agora dan conta cunha nova ameaza coñecida como Masque Attack, que sería moito máis grave, pois permitiría que calquera aplicación de iOS que non viñese preinstalada puidese ser substituída por outra, por mor de que iOS non forza a que coincidan os certificados nas aplicacións co mesmo identificador de paquete, polo que un certificado falsificado permitiría sobreescribir unha aplicación xa instalada (podendo así acceder aos datos que a aplicación manexase, como credenciais de acceso e datos persoais).
Este fallo estaría presente dende iOS 7.1.1 ata 8.1.1 beta, en dispositivos con e sen jailbreak, podendo aproveitarse esta vulnerabilidade tanto a través de Wi-Fi como por USB. O máis grave do asunto é que a empresa que descubriu o fallo, FireEye, advertiu a Apple do fallo de seguridade o pasado 26 de xullo, e a aparición de WireLurker (que parece ser unha variedade reducida desta vulnerabilidade) demostraría que a compañía de Cupertino está a ser neglixente en materia de seguridade, especialmente porque non parece razoable que iOS 8 vese a luz cun fallo de seguridade descuberto semanas antes do seu lanzamento.
Dende FireEye aseguran ter evidencias de que a vulnerabilidade que denuncian agora publicamente está a ser explotada activamente, polo que consideran urxente que se tomen medidas ao respecto.
Dende FireEye demostran o perigo de Masque Attack de sobreescribirse a aplicación de Gmail
Denuncian que Apple non corrixe unha grave vulnerabilidade de iOS atopada hai meses
Compartir Este Artigo
