O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux está a impulsar unha nova iniciativa para reivindicar e pór en valor a vertente maker da asociación: o convite orixinal do grupo a crear e fomentar a creación de programas abertos e de espírito libre. Nas súas palabras, do que se trata é de “recuperar o P de Programadores do nome da asociación e tratar de volver a xerar ese sentimento de comunidade dentro do software libre da cidade da Coruña”. De aí, de esta arela de converternos dende a cidade herculina a todas e todos en co-creadores de tecnoloxías libres, xorde precisamente GPUL Labs.
Segundo conta o grupo e reflicte Mancomún, a idea que sustenta GPUL Labs “é a de aprendermos tecnoloxías e metodoloxías de desenvolvemento modernas arredor dun proxecto de desenvolvemento en aberto”. Os vimbios deste proxecto serán IoT (Internet das Cousas e dos obxectos conectados), desenvolvemento web e computación e servizos na nube. Deste xeito, búscase que os participantes se introduzan en coñecementos sobre como empregar unha Raspberry Pi ou como programar diversos sensores nun proxecto baseado no concepto IoT, totalmente open source. Tamén se vai dar forma a unha interface destinada ao control do hardware e os seus elementos, “coas máis modernas tecnoloxías e metodoloxías áxiles de desenvolvemento”. Para rematar, os participantes en GPUL Labs aprenderán a incluír integración continua e a realizar análise de códigos nos seus proxectos de forma sinxela.
A iniciativa artéllase en catro etapas. Na primeira (a de iniciación, a partir de febreiro), os membros da comunidade iniciaranse en linguaxes como Python, nos conceptos básicos de control de versións GIT e no uso de Github. Na segunda fase, a de planificación, definiranse os obxectivos do proxecto e as necesidades. O terceiro chanzo do percorrido, o de desenvolvemento, e mailo cuarto, o de aprendizaxe, desenvolveranse en paralelo durante o período de marzo a maio. Neste treito de tempo haberá todo tipo de actividades prácticas e de cooperación tecnolóxica, máis polo miúdo hackatóns coordinados por titores “de gran nivel de empresas e asociacións do sector, todos coa arela común de apoiar o software libre”. Tamén haberá charlas orientadas a amosar diversas cuestións transversais ao proxecto como por exemplo as relativas ás metodoloxías áxiles de desenvolvemento, aos sistemas de integración continua para execución automática de tests ou á documentación con LaTeX.
En marcha os GPUL Labs para converter a nosa terra nunha factoría de programadores libres
Compartir Este Artigo
