Forte oposición na web á Lei Sinde

luns, 20 de decembro do 2010 Marcus Fernández

Numerosas páxinas web de descargas abriron cunha pantalla en negro na que figuraba unha mensaxe en oposición á Lei Sinde

A posible aprobación pola porta de atrás da Lei de Economía Sustentable este martes, incluíndo no seu articulado a coñecida coma Lei Sinde, está a crear moito rebumbio na Rede, de xeito que moitos persoeiros e entidades están a incrementar as súas manifestacións públicas declarando a súa desconformidade ante unha regulación que consideran inxusta por ir «contra os intereses dos cidadáns para favorecer a un poderoso lobby cun modelo de negocio caduco que non quere reconverterse» segundo sosteñen dende FACUA-Consumidores en Acción, asociación que remitiu aos grupos parlamentarios 29.755 sinaturas de usuarios contra o texto legal que pretenden aprobar e que posibilitaría o peche de páxinas web a través dun procedemento express que parece violar dereitos fundamentais e que vai en contra da xurisprudencia dos últimos anos (dando a impresión de que a Lei busca evitar que os xuíces fagan o seu traballo impondo o veto de actividades consideradas totalmente legais).
Ante a proximidade da aprobación do texto legal moitas páxinas web de descargas e streaming colgaron durante horas na súa portada un texto denunciando que de aprobarse a Lei Sinde desaparecerían e a Internet converteríase nunha «tele máis ao servizo do poder», polo que consideran que o peche de páxinas web supón un acto de censura e vulnera a liberdade de expresión na Rede; pero non todos os internautas decidiron realizar reivindicacións dun xeito pacífico, e o grupo Anonymous instou a lanzar un ataque de denegación de servizo distribuído ás páxinas web de formacións políticas (concretamente do PSOE, o PP, CiU e o PNV) ás 18:00 horas, o que parece que conseguiron cun éxito total, aínda que no caso do PSOE utilizaron certas técnicas para evitar dar a impresión de que a súa páxina vírase afectada polo ataque (cando na práctica estaba conxelada para non acusar os efectos dunha cantidade masiva de consultas por múltiples usuarios, de xeito que podíase comprobar moitos dos contidos da web do PSOE estaban inaccesibles durante o ataque).
A repercusión que están a ter as declaracións e actos contra a Lei Sinde parecen estar dar os seus froitos, e aínda que resulte improbable, non desbotan a posibilidade de que o PNV contribúa ao rexeitamento da polémica Lei.

PUBLICIDADE