Dende Mancomún cóntannos que Gogs, segundo os seus creadores unha sorte de servizo Git (software de control de versións) menos sofisticado e máis empregado por desenvolvedores de software de código aberto, xa conta con versión en galego. O responsable da localización do software foi David A. Lareo, activo hacker galego moi ligado á cultura libre e á xestión aberta do coñecemento (EduCaaS, Bricolabs), e está incorporada ao proxecto dende o 24 de decembro.
Achegándonos un pouco a Gogs, dicir que é o clon libre de Github feito na linguaxe de programación Go (do mesmo xeito que o pode ser Gitlab), a linguaxe de programación desenvolvida por Google, coa vantaxe de que se pode facer unha distribución binaria independente de todas as plataformas soportadas polo software (incluíndo Linux, Mac OS X, Windows e ARM).
Para obter máis información sobre Gogs ou descargalo, temos os recursos precisos en github.com. Engadir que a adaptación é tamén de código aberto e pódese contribuír ao seu desenvolvemento de xeito libre no seu repositorio público. Cada repositorio desta forxa terá un clon actualizado en tempo real en Github, para darlle visibilidade aos proxectos e garantir a sustentabilidade da forxa.
Gogs, o clon libre de Github, xa fala galego
Compartir Este Artigo

