Xa temos entre mans os resultados da edición número trece do Observatorio Calidade Prezo dos Operadores de Telecomunicacións, achegado pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL). O informe, como vén sendo costume, está inzado dunha chea de datos de interese para os clientes dos servizos que fornecen as operadoras, pero tamén para as propias empresas e profesionais do sector. Por exemplo: que novamente a oferta da nosa terra semella unha das máis acaidas para os consumidores, xa que a operadora de raizame galega R confirmou a súa tendencia á alza e mesmo escalou varios chanzos na clasificación da UCGAL. Por outra banda Movistar foi quen de consolidar a súa posición liderando a relación calidade-prezo. Vodafone, pola contra, baixou ata o último lugar do ránking.
Por certo que entre o primeiro (Movistar) e o derradeiro (Vodafone) a organización galega de consumidores atopou diferenzas do 26%. O estudo certifica que a operadora de Telefónica foi quen de obter 8,70 puntos na táboa de relación calidade-prezo. Vodafone, pola súa parte, obtivo 6,42 puntos, o que supón unha baixada de cinco postos con respecto ao datos do último observatorio. Polo que se refire a R e Telecable, soben postos en relación ao ano pasado ata situárense nos 7,89 puntos sobre 10. A operadora galega, máis polo miúdo, foi quen de ascender catro chanzos na táboa con respecto a 2014, pasando de ocupar o penúltimo posto a empatar no segundo nesta edición.
No apartado dos prezos para chamadas non bonificadas, destácase a suba de prezos de Vodafone (228 euros) e Ono (184 euros), un 76% e 30% máis respectivamente sobre os do pasado ano. En Internet, Movistar cos seus 8,83 puntos é o primeiro clasificado e mellora a nota do ano pasado. O resultado de Movistar, informan os responsables da investigación, baséase “na asistencia técnica, a solidez tecnolóxica e o baixo índice de reclamacións”.
R e Ono tamén superan a barreira do oito. No caso de R isto representa unha suba de case dous puntos desde o último estudio. Orange, pola súa banda, repite como último clasificado con 5,79 puntos. Segundo apunta UCGAL, “as feblezas que amosan os operadores son heteroxéneas, aínda que se teñen teñen detectado algunhas debilidades comúns, como por exemplo o alto índice de avarías por liña, onde R, cun 8,36%, segue a ter a maior porcentaxe”. Tamén son elevados os tempos empregados nas reparacións, sinálase no informe, no que se específica que son máis de 3 días no caso de Orange, Telecable, Jazztel e Eukastel, mentres que Movistar apenas precisa de dúas xornadas.
Polo que atinxe ao caudal de descarga en velocidade, Movistar co seu ADSL é o único operador que acada unha media de descarga superior ao 80%. O peor situado das táboas é Orange, que apenas anda a rentes do 70%. No tocante as máximas velocidades comercializadas (100 Mbps ou máis) xa sexan de cable ou fibra (total ou híbrida), a UCGAL apunta a que Movistar e Telecable están en cabeza superando o 97%. Pola contra, o resultado “máis pobre” é o de Euskaltel cos seus 120 Mbps.
En calidade en telefonía, Movistar lidera a clasificación con 7,83 puntos. Na outra punta da táboa está Orange, cos seus 4,29 puntos, “que perde o aprobado raspado do ano pasado e repite como derradeiro clasificado”. Segundo apunta a organización galega de consumidores, “un suspenso nesta categoría é algo que fai anos que non acontecía”.
Polo que respecta ás penalizacións na dita categoría, sinalar que teñen a orixe en varias causas. Por exemplo o alto índice de avarías (Orange e Telecable), os tempos de arranxo (de ata 124 horas no caso de Euskaltel) ou a baixa taxa e de arranxos en prazo obxectivo, un capítulo no que Ono obtivo o mellor resultado, xa que foi quen de solucionar o 95% das súas queixas en menos de 32 horas e preto do 98% dentro do seu obxectivo dos dous días de prazo límite. Pola súa banda, Movistar amaña o 95% das avarías en pouco máis de 43 horas e o 96,5% de todas as incidencias dentro do prazo obxectivo de 46 horas.
No apartado de frecuencia de reclamacións, Orange obtén no estudo o peor resultado cunha taxa do 8,48%, mentres que Euskaltel obtén a mellor puntuación (2,04%). Con respecto as reclamacións sobre facturas, o mellor dato é para Vodafone (0,27) e o peor para Orange (1,84). O operador que menos días tarda en resolver as reclamacións é Vodafone (3,28) e o que máis Orange (24,5). R e Movistar, pola súa banda, precisan arredor de 15 días.
Movistar, Telecable e R, as mellores operadoras para os consumidores
Compartir Este Artigo
