O Álbum da Ciencia do CCG achéganos á vida e obra de máis de douscentos científicos da nosa terra
luns, 11 de novembro do 2013
Estes días de celebración tecnolóxico-científica
(xa estamos nas celebracións da Semana da Ciencia e mañá
celébranse importantes actividades do Día da Ciencia en Galego nos
centros educativos) colle especial pulo o Álbum
da Ciencia, unha enciclopedia virtual galega cuxa
principal toma de contacto coa comunidade internauta celebrouse hai
máis dun ano pero que retomamos agora co obxectivo de ir dando
conta (estes días) das principais achegas da nosa Rede ao proceso
divulgador. A iniciativa, que vén da man do Consello da Cultura
Galega, tivo o seu xermolo no Diccionario histórico de
científicos galegos, cuxa
elaboración foi
un dos obxectivos básicos do Grupo de Traballo de Historia das
Ciencias constituído en 1987 (Seminario de Estudos Galegos).
Semellantes arelas foron as que levaron ao CCG, en
2007, a crear o Álbum da Ciencia, un espazo destinado a
recoller as biografías dos principais protagonistas da nosa
investigación científica. O proxecto cobrou nova vida estes últimos
anos, cunha “nova etapa na que atende en exclusiva ao ámbito
científico e amplía substancialmente o tramo temporal analizado”.
Trátase, en palabras dos seus responsábeis, dunha liña de traballo
máis ambiciosa e novidosa, partindo da base de actualizar e
reformular fondamente as 201 biografías elaboradas para o devandito
Dicionario histórico. “A iso”, sinala o CCG, “engadiuse
a incorporación de novas entradas, correspondentes a outros autores,
nomeadamente aos que desenvolveron o seu labor entre 1936 e 1970,
e as relativas a institucións científicas salientables”. E engade
o Consello, facendo mención da metodoloxía seguida: “O principal
criterio que utilizamos para a selección de autores foi a relevancia
da obra no momento histórico que viviron e o seu vínculo con
Galicia”. A idea foi que en 2011 se abordase a revisión e
actualización das biografías publicadas en 1993 e 2005. Nun segundo
momento, en 2012 afrontouse a incorporación das novas entradas. O
resultado final permite ofrecer aos usuarios máis de duascentas
biografías online, “unha parte substancial do I+D histórico
do país, unha especie de panteón virtual da excelencia científica
que proporcionará unha valiosa e actualizable información a
públicos diversos”.