O iPhone 5 parece ser moi susceptible a raiarse

luns, 24 de setembro do 2012 Marcus Fernández

As marcas na carcasa do iPhone 5 son máis perceptibles no modelo negro

Parece que tras o lanzamento de cada novo produto de Apple son moitas as voces que buscan destacar as súas carencias, unhas veces como crítica por parte de seareiros dos produtos doutros fabricantes, e outras como reivindicación de clientes esixentes, e tras a polémica xurdida polo deficiente servizo de Apple Maps, agora chega outro detalle que está a dar moito que falar en poucas horas: as rabuñaduras que están a amosar os novos terminais móbiles.
Resulta curioso que un móbil que saíu á venda o pasado venres en varios países poida amosar xa rabuñaduras de distinto tipo, sen ter recibido ningún golpe, pois parece que o aluminio anodizado empregado no iPhone 5 presenta unha resistencia ás rabuñaduras menor que o aceiro inoxidable empregado no iPhone 4S, o que parece notarse especialmente no modelo negro. E non parece que esteamos a falar duns poucos casos sen importancia, senón que nunha enquisa realizada nos foros de MacRumors un 35,76% dos consultados asegura que o móbil xa amosaba algunha marca ao saír da caixa, e que o 9,62% tiña algunha rabuñadura ao pouco.
O feito de que o iPhone 5 optase por un tipo de aluminio bañado permítelle ter un peso menor que os modelos con carcasa de aceiro, de xeito que os usuarios que desexen manter o seu móbil como novo deberían optar por empregar unha funda protectora (algo que xa é moi habitual entre os usuarios dos móbiles de Apple).

Algúns iPhone 5 chegan a amosar rabuñaduras ao sacalos da súa caixa


A resistencia ás rabuñaduras do iPhone 5 e o iPhone 4S comparada en vídeo

PUBLICIDADE