O proxecto Abalar convertirá máis de 200 colexios e institutos en Centros Educativos Dixitais

venres, 5 de marzo do 2010 Raquel Noya

A partir do vindeiro curso escolar 2010-2011, arredor de 14.500 alumnos e alumnas de educación primaria e secundaria obrigatoria do noso país poderán mellorar as súas competencias dixitais e manexo de Internet grazas á implantación nos centros educativos galegos do proxecto Abalar, unha iniciativa do Goberno galego que persegue un cambio no actual modelo de ensino-aprendizaxe, coa conversión dos colexios e institutos en Centros Educativos Dixitais (CED), a fin de mellorar a súa eficiencia, eficacia e modernización.
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe mesmo este proxecto, acompañado, entre outros membros do executivo galego, da secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira e do director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luís Mira Lema.
Abalar, que é segundo informaron os seus responsables, “un dos programas máis ambiciosos do Goberno galego nesta lexislatura”, substancia a estratexia para a integración plena das TIC na práctica educativa en Galicia, “como unha das áreas prioritarias de intervención da Consellería”.
A Consellería de Educación, en colaboración coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta inviste máis de 8 millóns de euros para integrar as Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) en todos os ámbitos do ensino, mediante accións que permitan dotar de equipamento e infraestruturas aos centros, así como de contidos e ferramentas dixitais axeitadas.
Asemade, no presuposto entra a formación dos membros da comunidade escolar nas novas tecnoloxías, algo necesario para que o proxecto saia adiante con éxito.
Tal e como explicou o conselleiro de Educación, o proxecto Abalar integrará os recursos actuais dun xeito “organizado, eficiente e lóxico, aproveitando ademais os recursos que o Ministerio de Educación propón ás Comunidades Autónomas no marco do Proyecto Escuela 2.0, que achega arredor de 4,3 millóns de euros, co fin de acadar o seu obxectivo no menor tempo posible”.
O proxecto, que estenderá a súa actuación ata 2013, dotará xa neste primeiro ano de equipamentos e dispositivos informáticos a máis de 700 aulas, distribuídas en máis de 200 instalacións educativas de Galicia. Porén a intención é que as novas tecnoloxías da información e a comunicación cheguen a máis de 1000 centros educativos e a 87.000 alumnos e alumnas o antes posible, a poder ser nesta lexislatura.
Para a responsable de Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, o proxecto Abalar, que tamén inclúe ás familias na metodoloxía educativa, representa un esforzo conxunto para a integración das TIC na educación e “foi concibido como un piar fundamental para a modernización de Galicia, permitindo reducir a histórica fenda dixital e mellorar o benestar da cidadanía”.
Pero se cadra, o máis destacable deste proxecto, ademais da mellora da interactividade e da relación profesor-alumno, é a esperanza que se lle trasmite ás familias dos alumnos que requiren dunha atención especial e diferenciada, os cales poderán ser educados a distancia e interactuar cos seus profesores e compañeiros de aula sen ter que moverse dos seus fogares ou centros hospitalarios.

PUBLICIDADE