Xa está dispoñíbel en galego Ubuntu 14.04 LTS

martes, 22 de abril do 2014 Redacción

Para todos aqueles que anden á procura dunha alternativa libre e fiábel a Windows, dicirlles que xa teñen dispoñíbel, e en galego, o Ubuntu 14.04 LTS. Segundo nos contan dende O meu Ubuntinho, estamos non só ante unha ferramenta plenamente útil e operativa, con múltiples vantaxes con respecto ás achegas privativas tradicionais (está aberta ás adaptación que lle queiramos facer, é moito máis económica e ademais resulta inmune a todo tipo de virus e infeccións informáticas varias), senón que tamén amosa un especial potencial para todo tipo de ámbitos: dende usuarios profesionais a empresas, gobernos e centros de ensino. Por outra banda, Ubuntu 14.04 tamén está en conexión directa coa nube.
A nova entrega do sistema libre está dispoñíbel para descargar desde onte 17 de abril de 2014. O lanzamento, engaden dende o grupo de usuarios Ubuntinho, inclúe entre outras moitas cousas compatibilidade cos formatos de ficheiro de Windows, solucións na nube baseadas no navegador e a suite LibreOffice compatíbel co Office de Microsoft. Ademais, sinalan, “Ubuntu 14.04 LTS é óptimo para escritorios e portátiles con áreas multitáctiles e pantallas táctiles, amosando tamén compatibilidade para pantallas con alta densidade de píxeles (DPI)”.

PUBLICIDADE