Os Gobernos de Cuba e China, tan afastados eles, e no que se refire a cuestións coma Internet coinciden ás veces camiñando polos mesmos carreiros da censura e o control, e se cadra sen sospeitalo (e a Estados Unidos tamén lle chega, como puidemos ver hai días co caso da nena investigada por dicir cousas feas de George Bush nun foro de Internet).
O caso é que Reporteiros Sen Fronteiras acusou este xoves 18 ó Executivo castrista de repetidos intentos por limitar a liberdade de prensa en Internet, que vén (ou viña, ata o de agora) dada polos medios de comunicación independentes.
A xuízo da dita ONG, o obxectivo do Goberno cubano é evitar que unha plataforma de comunicación total coma Internet acabe por permitir a tolemia de deixar que os xornalistas digan o que queiran. Dito doutro xeito: non quere que se lle vaia das mans. Sinala tamén Reporteiros Sen Fronteiras que en Cuba os medios están controlados polo Goberno, e o acceso á Rede só é factible para cidadáns autorizados por aquel, malia que (din os xornalistas) existe un activo mercado negro de permisos de acceso.
A xuízo da dita organización de xornalistas, menos do 2% dos cubanos teñen acceso á Rede en puntos de acceso estritamente vixiados, co que se converte nun dos países máis atrasados do mundo no que se refire ó acceso á Sociedade do Coñecemento.
Reporteiros Sen Fronteiras protesta contra o control informativo do Goberno cubano en Internet
Compartir Este Artigo
