Amnistía Internacional acolleu con satisfacción a decisión de levar a Sadam Husein perante a xustiza polas violacións dos dereitos humanos cometidas polo seu goberno no pobo de Al Duyail o 8 de xullo de 1982, onde foron asasinadas 148 persoas.
Mais O que a ferro mata, a ferro morre non é un refrán que vaia á misa no carro da organización non gobernamental, e así o fai saber ó opoñerse de xeito drástico ó proceso xudicial que condenou a morte e executou ó líder iraquí o pasado 30 de decembro.
Dito proceso, di a ONG, estivo caracterizado polas inxerencias políticas, non cumpriu coas normas internacionais sobre xuízos xustos e debería resolverse sen pena de morte. Mais non foi así e aínda hoxe saen á luz na Rede novos vídeos que poñen de relevo a estarrecedora execución. AI expuxo varias veces a súa preocupación polo desenvolvemento dos feitos e agora, lonxe de darse por vencida, avoga por rematar dunha vez coa pena capital que, dende que foi reintroducida en Iraq en agosto de 2004, xa levou á morte a ducias de persoas, unhas 65 só en 2006 (en xuízos igualmente inxustos).
Para abolir a pena de morte, a devandita organización, anima dende a súa web ós internautas a asinar un comunicado que vai dirixido ó primeiro ministro, Nuri Kamil al-Maliki, e ó ministro de xustiza de Iraq, no que se rexeita a pena capital e se esixen medidas para abolila na lexislación e na práctica. A cifra de asinantes achégase paseniño ós 10.000: unha cantidade ridícula e que non abonda (polo de agora) para poñerlle fin a este problema de alcance mundial.
