
A Facultade de Dereito do Campus de Ourense acolleu este xoves a conferencia Intelixencia Artificial e Administración de Xustiza, impartida por José Ignacio Solar Cayón, catedrático de Filosofía do Dereito da Universidad de Cantabria.
Na súa intervención abordou os retos e oportunidades que a irrupción da intelixencia artificial (IA) supón para a Administración de Xustiza, un ámbito no que o profesor Solar Cayón é unha figura referente.
A actividade estivo organizada pola Área de Filosofía do Dereito e o Departamento de Dereito Privado da Universidade de Vigo e foi presentada por Susana Álvarez, decana da facultade ourensá, e pola profesora Ana Garriga.
Na súa conferencia o convidado quixo “explicar como a IA pode ser aplicada na Administración de Xustiza e particularmente como trata o regulamento europeo de intelixencia artificial a utilización destes sistemas para o exercicio da función xurisdicional”. Ademais, afondou en como está neste momento a lexislación estatal nesta materia. “En España”, sinalou José Ignacio Solar , “xa se pode e é legal utilizar a IA para asistir ao xuíces na toma de decisións, para xerar borradores de sentencias”. Segundo explicou, “está previsto na lexislación española que o sistema xere un borrador de sentencie e o xuíz ten que revisala e validala ou corrixila se considerada que non está ben”.
O experto comentou que esta posibilidade “ata este momento no se chegou a implementar, porque o Ministerio aínda non ten desenvolvido un modelo de intelixencia artificial para esta tarefa. Está en proxecto e en probas pero lexislativamente contémplase que se poida facer”.
A aplicación, apuntou, pode ter vantaxes en temas como a rapidez, a coherencia… pero tamén “ten riscos”. Entre estes puxo o foco no nesgo de automatización, que os xuíces se confíen excesivamente nos resultados deste sistema e fagan unha especie de delegación de funcións nel. “Existe o problema de que poidan confiar excesivamente nos resultados do sistema, sobre todo nun contexto no que os xuíces están sobrecargados de traballo”, afirmou o relator.
José Ignacio Solar Cayón conta cunha traxectoria investigadora de case tres décadas, centrada nos últimos anos no estudo da intelixencia artificial xurídica e os seus efectos sobre a teoría e a práctica do dereito. Foi investigador principal de proxectos como A intelixencia artificial xurídica (2019-2022) e Intelixencia artificial xurídica e estado de dereito (2023-2026), financiados polo Plan Estatal de I+D+i, e é autor de monografías como A intelixencia artificial xurídica. O impacto da innovación tecnolóxica na práctica do dereito e o mercado de servizos xurídicos (Aranzadi, 2019) e Intelixencia artificial xurídica e imperio da lei (Tirant lo Blanch, 2025).
